O complexo deportivo da piscina da Laracha pecharase o vindeiro domingo
O Concello da Laracha procederá na tarde do domingo ao peche e precintado do complexo deportivo da piscina municipal, en cumprimento do acordo da Xunta de Goberno Local na sesión celebrada o pasado día 31 de outubro, segundo o cal se resolveu o contrato de xestión, explotación e mantemento coa empresa concesionaria, Grupo Pazos, Salud y Ocio, S.A.
Na xornada do domingo a instalación permanecerá aberta aos usuarios no horario habitual, de 11:00 a 14:00 horas.
A próxima semana o Concello da Laracha iniciará o expediente de contratación da nova concesión. Os técnicos municipais están a completar a recollida de información tanto da situación do complexo deportivo como dos once traballadores cos que actualmente e que veñen sufrindo retrasos nos pagamentos das súas nóminas desde o pasado mes de xullo. Unha vez se dispoña de todos os datos precisos, serán publicados os correspondentes pregos que rexerán o procedemento.
Tendo en conta os prazos habituais dunha licitación destas características (publicacións en diarios oficiais, períodos de presentación de ofertas, apertura de plicas, clasificación, adxudicación e formalización do contrato), a previsión do Concello da Laracha é que o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha permaneza clausurado por un período mínimo duns tres meses.
Cabe lembrar que a lexislación vixente non permite ao Concello da Laracha asumir a xestión directa da instalación dado que a oferta deste tipo de infraestruturas deportivas non é considerada como un servizo básico á poboación para municipios que conten con menos de vinte mil habitantes.











