O comité de empresa da residencia das Gándaras denuncia que non se lles informou do brote de lexionela
Unha das vogais do comité de empresa da residencia lucense das Gándaras, Mar Paz, de UXT, denunciou este mércores que non se lles informou do brote de lexionela rexistrado no centro e que afectou a catro usuarios.
Mar Paz sinalou que os 110 traballadores do persoal, que atenden a un total de 208 residentes, están “preocupados” porque “o día catro xa se desconfiaba que había persoas ingresadas e non se puxeron as medidas oportunas”.
A Consellería de Sanidade sitúa o primeiro caso positivo precisamente o 4 de novembro, aínda que Paz asegura que non foi ata este pasado luns, o día 10, cando se comunicou “que non se podía utilizar a auga quente, pero non dixeron porque”.
“É unha irresponsabilidade”, clama esta traballadora das Gándaras, que pon o acento en que nun principio se pensou en que se trataba dunha avaría. “Non se informou. Eles recoñecen que desde o 4 teñen unha sospeita e ata o dez de novembro, no cambio de quenda, non din que non se use a auga quente, pero non dan o motivo”. Ti sospeitas que poida tratarse dunha avaría”, queixouse.
Mar Paz relatou que cando un dos residentes “foi levado de enfermaría para o HULA porqué estaba mal”, ao recollelo puxéronlle “unha máscara”. “A enfermeira preguntoulles por que e eles contestaron que porque lles mandaron. Sabíao a xente de fóra e non os traballadores, é unha irresponsabilidade total”, protestou.
A vogal do comité alertou de que as máis prexudicadas poden ser as 33 camareiras da residencia, “que son as que teñen un contacto máis directo coa auga quente”.











