publicidade hoxe

O ciclo Galicia en clave económica analiza as claves da agricultura ecolóxica en Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugo
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, inaugurou hoxe un novo debate do ciclo Galicia en clave económica, organizado polo organismo provincial e Economía Digital, coa colaboración do grupo El Progreso. O encontro, que arrancou ás 19:00 horas na Casa Sindical de Chantada, foi moderado polo xornalista Xulián Rodríguez Moscoso e contou coa participación de José Luis Antuña, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica-CRAEGA; José Luis Olmedo, técnico de Customdrinks, e Patricia Ibarra Lloves, impulsora e responsable de Ecological Galicia, os cales analizaron a trascendencia da agricultura ecolóxica para revitalizar o rural galego nos próximos anos.

García Porto destacou que a agricultura ecolóxica é “un modelo exemplar de xestión do territorio, de conservación do noso rural e de fixación de poboación, capaz de deseñar novos modelos económicos e alimentarios que, ademais, contribúan á protección do noso patrimonio natural”. Ao tempo, subliñou o importante papel que Lugo pode desempeñar neste eido, xa que dos 814 operadores inscritos no CRAEGA, 341 son da provincia, que a fan líder en volume de negocio, aportando 9 millóns de euros aos 25,9 facturados na Comunidade o pasado ano.
Por este motivo, “apostar de xeito firme e claro, tanto por parte da cidadanía como das administracións, en prol da xeneralización deste tipo de prácticas é apostar sobre seguro e contribuír a que a poboación, especialmente aquela asentada no rural, manexe de xeito directo o medio no que vive”, subliñou García Porto.

Nesta liña, lembrou algunha das iniciativas postas en marcha pola Deputación de Lugo neste sentido, como a plataforma de comercio online www.losproductosdelugo.com; o Plan Integral do Pazo de Tor, que contempla a potenciación do espazo para formación e prácticas en agricultura ecolóxica do que dispón; a 1ª Escola Pública de Horticultura Ecolóxica do Valadouro, na que se imparten prácticas remuneradas e asesoramento especializado a custe cero; o Fórmate en Verde, ou mesmo a creación dos hortos do río Rato, nos que centos de lucenses cultivan os seus propios produtos de horta.

A Deputada avogou por impulsar o consumo dos produtos de orixe ecolóxica a través da creación de novos sistemas alimentarios locais e o aproveitamento das novas tecnoloxías como apoio á comercialización, xa que “malia que nos últimos anos o consumo en Galicia teña aumentado nun 20%, máis dunha terceira parte da produción ecolóxica aínda sae cara o exterior”.

14 de novembro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.