O chocolate e a súa aplicación na cociña salgada chega ao Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá o vindeiro xoves 13, a partir das 20:00 h., Chocolatea a túa cociña, un taller dedicado en exclusiva ao chocolate e no que os apaixonados a este exquisito ingrediente aprenderán receitas e trucos para incorporalo á cociña de todos os días, tanto en pratos doces como salgados.

O curso, de carácter gratuíto, estará impartido pola chef e experta en nutrición Marian Rodríguez, que mostrará aos asistentes a versatilidade deste produto, as técnicas para traballalo adecuadamente en función das elaboracións ou variedades utilizadas (chocolate con leite, branco, negro, etc.), así como a recoñecer con que outros ingredientes combinalo para que a maridaxe de sabores sexa perfecto.

O chocolate estará presente en todas as receitas do taller, no que se proporá un menú completo composto por un primeiro prato: minihamburguesa de salmón fresco con salsa picante de chocolate branco; un segundo: xarrete de tenreira galega guisado ao Mencía con salsa de chocolate e cacao; e unha sobremesa: sopa de chocolate branco con trufa ao coñac cuberta de po de caramelo.

As receitas de Chocolatea a túa cociña estarán dispoñibles na páxina web do centro www.ccarousa.com unha vez finalizado o taller, que estará aberto ao público ata completar aforamento.

11 de novembro de 2014 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.