O Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene abordará a sobrecarga dos coidadores de persoas dependentes
A sobrecarga dos coidadores e os sentimentos que suscita o coidado do familiar dependente, tanto os que producen frustración como satisfacción, será unha das temáticas que se abordará este martes, 2 de decembro, no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene. Será a través da reunión mensual de decembro do grupo de apoio a familias creado ao abeiro do obradoiro “Recuperación memoria”, incluído no programa de envellecemento activo “Tardes Activas” que financia a Deputación. E, aínda que os principais destinatarios son os familiares e coidadores principais dos participantes dese taller, as sesións do grupo de apoio están abertas a toda á veciñanza interesada no asunto a tratar. Celebraráse martes, no Centro Municipal de Servizos Sociais, entre as 16,30 e as 18 horas.
O grupo de apoio a familias é un espazo no que compartir experiencias, sentimentos e dúbidas, no que se abordan temas de coidado e autocoidado. Precisamente, “Emocións e sentimentos” é o título da sesión do martes, na que se pretende, sobre todo, axudar ao coidador non profesional a identificar as súas emocións. Analizaráse cara onde se decanta a balanza: á satisfacción ou á frustración, para axudarlles a comprender os sentimentos negativos, así como potenciar os positivos.
Así mesmo, a Concellería de Servizos Sociais de Fene lembra que o prazo para anotarse nos obradoiros “Recuperación memoria” permanece aberto. As sesións celébranse todos os martes, de 16,30 a 18 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais. O obradoiro está pensado para tratar o inicio de patoloxías, diminuíndo ou retrasando a incidencia de demencia e deterioro cognitivo. As persoas participantes pasan unha proba previa para valorar o estado no que se atopan e así poder adaptar as actividades ás súas necesidades. Todas elas, encamiñadas a mellorar a memoria, orientación e atención.











