O Centro de Saúde de San Roque conta cun novo envío de vacinas antigripais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Consellería de Sanidade, a través da súa Xefatura Territorial en Pontevedra, salienta que o centro de saúde de San Roque de Vilagarcía de Arousa conta desde hoxe cun novo envío de vacinas antigripais e antipneumocócicas, para continuar coas vacinacións preventivas fronte á gripe e á enfermidade pneumocócica da vixente campaña 2014´.

Segundo os datos que manexa Sanidade, este centro de saúde vilagarcián levaba administradas, dende o inicio da campaña o pasado 20 de outubro ata o pasado venres 21 de novembro un total de 3.602 doses de vacina antigripal, mentres que no mesmo período da campaña de 2013, levaba administradas 3503 doses.

As devanditas cifras revelan que no primeiro mes de actividade da presente campaña 2014´ estáse a producir un incremento no número de persoas vacinadas, coa conseguinte repercusión positiva no eido preventivo para a poboación arousá.

Eficaz traballo do centro de saúde de San Roque na campaña

Nesta liña, a Consellería de Sanidade, a través da súa Xefatura Territorial en Pontevedra, salienta o eficaz traballo do centro de saúde de San Roque, xa que case o 85% das persoas vacinadas no concello de Vilagarcía de Arousa fixérono no que vai de campaña neste centro de Atención Primaria.

Cómpre lembrar que as vacinas estarán dispoñibles nos puntos de vacinación arousáns ata o día 20 de decembro para que as persoas maiores de 60 anos e aquelas pertencentes aos grupos de risco acudan a vacinarse.

Poboación diana na comarca

Sanidade reitera que a vixente campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2014 está destinada a todas as persoas da comarca arousá que teñan 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Tamén se inclúen na poboación diana en Arousa os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a comarca, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Organización da campaña en Arousa

A Consellería de Sanidade lembra que a poboación interesada en vacinarse en Arousa pode poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de cómo e onde solicitar a cita.

As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde, onde serán informados das vacinas que deben recibir.

26 de novembro de 2014 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.