O Centro Cultural Torrente Ballester acolle varias exposicións de arte contemporáneo
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado, informou hoxe das novas propostas expositivas que se poderán ver no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB): “Espazo público / Espazo privado” e “Fausto Isorna: O ceo das ilusións”, cuxa inauguración simultánea terá lugar o vindeiro venres día 28 ás 20:00 horas. Estas mostras dan comezo a tres meses dedicados por completo á arte contemporánea galega e que busca apoiar as disciplinas artísticas contemporáneas xurdidas en Galicia. Antes do acto inaugural, ás 19:00 horas se realizará unha mesa redonda na que se achegarán ao público as obras e na que participarán as comisarias das exposicións, Mónica Maneiro e Gemma Sesar, así como algúns dos artistas.
“Espazo público / Espazo privado” propón unha mostra colectiva que quere indagar nos límites entre a imaxe pública e a imaxe privada a través de obras fotográficas e vídeo creacións. Nesta ocasión, as capacidades dos medios escollidos permiten establecer unha observación dos modos do público e o privado na contemporaneidade, das actitudes implícitas na representación, que permiten ver como apreciamos a construción do espazo público como lugar de suceso narrativo ou para a acción do social, como lugar da construción da paisaxe contemporánea e tamén como non-lugar a maneira proclamada por Mar Augé. Doutra banda, o escenario de captación do íntimo, das vidas persoais, da construción da propia personalidade, da visións sobre o alleo, do comportamento da familia ou a nosa organización en grupos. As artistas da exposición son, neste caso, mulleres galegas ou residentes en Galicia coa intención de facilitar a visibilidades do traballo artístico das mulleres na nosa comunidades máis aló do discurso de xénero. Entre elas destaca a presenza das ferrolás Ana Amado e Rita Gutiérrez. Todas presentan traballos inéditos e moitos deles realizados coa cidade de Ferrol como pano de fondo a propósito para a exposición.
En canto á outra mostra do CTB, O ceo das ilusións, Fausto Isorna presenta unha ampla selección das súas colaxes realizadas entre 1993 e 2014. A mostra condensa a obra deste artista galego de recoñecida traxectoria que, dende os anos noventa, vén desenvolvendo o seu traballo no mundo do deseño, debuxo, a colaxe e a banda deseñada en Galicia. Nesta exposición poderase ver un núcleo central de obra baixo o título de O ceo das ilusións, entendendo isto como explica o artista “na súa acepción de percepción errónea ou confusa dun estímulo, neste caso visual”. O resto da mostra expositiva está constituída por traballos realizados no universo da colaxe, algúns feitos para o deseño de libros e carteis, destacando as coleccións para o disco do cantante galego “Narf” sobre poemas de Rosalía, Nas Tardes Escuras, e para Mellor que decila fora pintala, no que se recolle o Glosario de Merlín e Familia de Álvaro Cunqueiro.











