O Centro Comercial Arousa acolle o I Salón do Xogo de Mesa e Entretemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro Comercial Arousa acollerá este fin de semana Ludo Salnés, o I Salón do Xogo de Mesa e Entretemento, organizado pola asociación cultural vilanovesa Masqueparchís e a tenda de xogos viguesa De Dados, e que reunirá por primeira vez en Vilagarcía a afeccionados, asociacións e expertos en xogos de mesa de toda Galicia. Terá lugar na primeira planta do centro o sábado 22 (de 12:00 h. a 22:00 h.) e o domingo 23 (de 12:00 h. a 20:00 h.).

O evento, de carácter lúdico e aberto ao público de todas as idades, permitirá aos asistentes coñecer as últimas novidades do sector e probar, in situ e persoalmente, a dinámica de máis de 200 xogos diferentes de mesa.

O espazo distribuirase en dúas zonas de xogo, unha dirixida a nenos de entre 5 e 12 anos, e outra destinada a adultos, nas que os visitantes poderán gozar de demostracións, sesións temáticas, sorteos ou mesas abertas para participar en partidas con outros xogadores.

Empresas da industria do xogo nacionais e internacionais como Devir Iberia, Nosolorol, Mercurio, Peká, Corvus Belli, Zacatrus! ou Krynea Battlefield, e tendas e clubs galegos como PolyGon-E ou Cheyenne envorcáronse coa iniciativa doando para o seu desenvolvemento unha ampla variedade de xogos. Abarcan todo tipo de temáticas, desde deportes, guerra, estratexia ou intelixencia, e modalidades -dados, rol, fichas, miniaturas, cartas, etc.-, destacando algúns tan populares e demandados en todo o mundo como Os colonos de Catán ou o xogo de estratexia militar Risk.

A cita contará tamén coa participación de voluntarios de varias asociacións xuvenís galegas -Draco (A Coruña), Arcadia ( Vigo) e 6D6 (Santiago de Compostela)-, que estarán a disposición dos visitantes para explicar as dinámicas dos diferentes xogos e resolver dúbidas.

20 de novembro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.