O celeste Nolito é convocado pola absoluta española
Nolito e o RC Celta recibiron esta mañá unha noticia que enche de xúbilo a todo o celtismo. O atacante céltico foi convocado pola Selección Española para participar en dous encontros amigables, ante Bielorrusia e Alemaña, os próximos días 15 e 18 de novembro.
O espléndido rendemento de Nolito non pasou desapercibido para o seleccionador nacional, Vicente Del Bosque, que decidiu contar co andaluz para estes dous choques. O primeiro deles, ante Bielorrusia, disputarase en Huelva, mentres que o choque ante a vixente campioa do mundo, Alemaña, terá como escenario o estadio vigués de Balaídos. Os celtistas terán unha oportunidade única para ser testemuñas en casa do regreso dun futbolista do RC Celta á absoluta española.
Con esta convocatoria Nolito únese a unha lista de internacionais célticos coa Selección Española que estreou Pasarín en 1924 e que ata hoxe pechaban o canteirán Borja Oubiña, quen debutou na ‘roja’ en setembro de 2006 da man de Luís Aragonés, e o defensa Ángel López, convocado en novembro dese mesmo ano.
As entradas para o encontro España-Alemaña continúan vendéndose a bo ritmo, tanto na plataforma online (www.celtavigo.org/taquillaCelta) como nos despachos de billetes de Balaídos (de luns a venres, de 10 a 14 e de 17 a 20 horas).
Celta-Selecta: lista de convocados
O adestrador do primeiro equipo, Eduardo Berizzo, convocou a 18 xogadores para a undécima xornada da liga BBVA-Primeira División. O conxunto celeste mídese ao Selecta CF este sábado ás 22:00 horas no Estadio de Balaídos. Non entran na lista David Costas e Madinda e os lesionados Oubiña e Planas.
Convocados: Sergio, Hugo Mallo, Fontàs, Pablo Hernández, Radoja, Santi Mina, Álex López, Charles, Nolito, Larrivey, Rubén, Orellana, Jonny, Sergi Gómez, Cabral, Krohn-Dehli, Augusto, Borja Fernández.











