O CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco conmemora o 25 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Acto no  Ceip Alfredo Brañas

Acto no Ceip Alfredo Brañas

O Concello da Laracha continúa desenvolvendo un extenso programa en conmemoración do Día internacional contra a violencia de xénero que se celebra hoxe, 25 de novembro.

O CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco tamén quixo aportar o seu gran de area contra esta lacra social. O equipo docente deste colexio, coa colaboración da educadora que está a impartir os obradoiros de prevención da violencia –postos en marcha polo Concello da Laracha-, organizou o evento que hoxe se levou a cabo na biblioteca do centro e ao que asistiron os 181 alumnos.

O acto consistiu no visionado dunha peza teatral na que se escenificou o conto Arturo e Clementina, un relato no que, cunha linguaxe de sinxela comprensión, se fala da igualdade entre o home e a muller.

A continuación, os alumnos de 5º e 6º de primaria leron senllos manifestos nos que expresaron o seu absoluto rexeitamento á violencia de xénero, concluíndo que “oxalá algún ano non sexa necesario dedicar o 25 de novembro a esta causa”.

O evento finalizou cunha presentación de imaxes e vídeos relacionados con esta temática, procurando a concienciación de todos os rapaces asistentes, de idades comprendidas entre os tres e os doce anos.

A dirección do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco convidou a asistir como público á concelleira de servizos e sociais e muller, Rocío López, e á directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao.

25 de novembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.