O casco vello de Ourense volverá acoller os cantos de taberna de “Hai que cantar!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

Trala boa acollida do segundo encontro de cantos de taberna que tivo lugar na zona dos viños de Ourense o pasado 16 de maio, o grupo organizador (alumnos e alumnas do 2º curso do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP Farixa) pon en marcha a III Edición de “Hai que cantar!”.

O vindeiro venres 28 de novembro, o casco vello de Ourense será testemuña unha vez máis dunha actividade organizada por e para revitalizar a antiga tradición de “dar o cante nas tabernas” como décadas atrás o facían aqueles que nelas se reunían para desfrutar do bo viño da nosa terra entonando unhas cantigas cos seus.

Porén, arredor das oito da tarde, os grupos participantes arrancarán dende a Praza do Ferro un percorrido por varias tabernas da zona dos viños. Estas serán as mesmas que participaron na pasada edición: Bar Orellas (Rúa da Paz), Montecarlo, Sol, O Rural, O cogumelo e Bar París. Ademais, ó igual tamén que no anterior encontro, contaremos co patrocinio de Viña Reboreda.

A vindeira semana convocaremos ós medios a unha roda de prensa na que ampliaremos información sobre os grupos participantes e sobre o percorrido que se levará a cabo polas seis tabernas citadas, entre outros asuntos relativos ó evento.

21 de novembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.