O británico Arthur Fry vence no Meeting Internacional de Optimist en Vigo
O británico Arthur Fry proclámase vencedor do Meeting Internacional de Optimist. A proba do Real Club Náutico de Vigo, que pon o broche de ouro á Semana do Atlántico Cidade de Vigo – XXXIX Trofeo Martín Barreiro, estivo dominada de principio a fin polo británico. O grancanario Yoel Rodríguez cólgase prata mentres Jacobo García, do R.C.N. Sanxenxo, completa o podio. O catalán Miguel Cairo proclámase vencedor en Optimist C.
Non foi fácil a xornada no Real Club Náutico de Vigo. Ás 10:30 horas aproximadamente as flotas en liza comezaban a saír á auga. Os constantes roles de vento facían que o Comité as vise e desexase no campo de regatas, pero as fortes choivas entraron en escena e non quedou outra opción que mandar aos regatistas a terra. Na auga a visibilidade era cada vez menor, polo que a seguridade dos regatistas era primordial.
Xa en terra a flota esperou pacientemente algunha novidade e pouco antes das 14:00 horas o Comité tomaba unha decisión: a última xornada do Meeting Internacional de Optimist anulábase e daba por definitivas as clasificacións do día anterior.
O británico Arthur Fry, vencedor do Meeting Internacional de Optimist
O británico Arthur Fry non defraudou no Real Club Náutico de Vigo e proclámase vencedor despois de sumar unha vitoria parcial, dous segundos postos, un terceiro e un cuarto nas probas disputadas. Con 12 puntos no seu marcador Fry cólgase o ouro por diante do grancanario Yoel Hernández, que acariñou a vitoria en augas de Vigo.
O galego Jacobo García cólgase o bronce despois dunha espectacular actuación na última proba da Semana da Atlántico Cidade de Vigo – XXXIX Trofeo Martín Barreiro. O regatista do R.C.N. Sanxenxo é, ademais, o primeiro clasificado en Optimist B.
En categoría feminina a santanderina Sofía Izquierdo proclámase vencedora do Meeting Internacional de Optmist acompañada no caixón de honra por África Beatriz Alonso, do R.C.N. Vigo, e a portuguesa Beatriz Gago, do CN de Portimao.
Miguel Cairo leva o ouro en Optimist C
O catalán Miguel Cairo faise coa vitoria do Meeting Internacional en Optimist C. O regatista do C.N. Cambrils deu todo un recital no Real Club Náutico de Vigo ao facerse coa vitoria parcial de tres das cinco mangas disputadas. Os portugueses Guilherme Cavaco e Miguel Sancho completan o caixón de honra.
En Cadete os regatistas do M.R.C.E.B. lograron o pleno. Fereyot Simon e María Carneiro cólganse o ouro mentres José Baamonde e Pablo Antonio Ledo e Beira Bernárdez e Nerea Rodríguez fan o propio coa prata e o bronce respectivamente.
Portugal, vencedor do Trofeo Semana do Atlántico de Optimist
Os portugueses Guilherme Cavaco, do G.C.N Faro, e Manuel Fotunato, do C.V. Lagos, logran a vitoria do Trofeo Semana do Atlántico de Optimist en Optmist A-B e Optimist C. Os lusos fanse co ansiado título tras converterse nos regatistas con mellores resultados na Semana do Atlántico Cidade Viana do Castelo e no Meeting Internacional de Optimist
A entrega de premios, presidida por Abel Caballero
O Real Club Náutico de Vigo acolleu a entrega de premios do Meeting Internacional de Optimist ás 17:00 horas de hoxe domingo, día 2 de novembro. Ao acto acudiu Abel Caballero, alcalde de Vigo, e xunto el estiveron Manel Fernández, concelleiro da cidade olívica, e Victor Lemos, tenente alcalde de Viana do Castelo. Entre outros tamén estiveron presentes Antonio José dá Cruz, presidente de Clube de Vela de Viana do Castelo; Manuel Villaverde, presidente da Federación Galega de Vela e Pablo Louro, Delegado Provincial de GADISA. Todos eles estiveron acompañados por Viviana García, Presidenta do Real Club Náutico de Vigo.











