O bo ritmo de execución do auditorio de Lugo garante a súa finalización para o vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, constatou hoxe que as obras de execución do auditorio de Lugo avanzan a bo ritmo, garante de que esta instalación estará finalizada o vindeiro ano. Neste acto tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco.

Ethel Vázquez explicou que as obras destas instalacións atópanse ao 65% da súa execución total e que os 4,2 millóns de euros que a Xunta de Galicia incluíu nos Orzamentos de 2015 permitirán o seu remate para o próximo ano.

O auditorio de Lugo consta dun orzamento de 21 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 95%, posibilitando así que as sete grandes cidades galegas conten co seu auditorio.

Na actualidade, estase a finalizar unha das partes máis características destas infraestruturas, a súa fachada acristalada. Tamén se están a levar a cabo a instalación eléctrica, a fontanería, revestimentos interiores, remate dos solos e execución de escaleiras.

A responsable de Infraestruturas destacou o compromiso da Xunta coa cidade de Lugo, onde se avanzou na ponte Paradai, en execución; nas obras da estación de autobuses, das que xa temos o contrato asinado; ou importantes investimentos realizados na Tinería e no Parque Empresarial das Gándaras.

Ethel Vázquez indicou que o Goberno galego ten este mesmo compromiso coa provincia, a que maior investimento per cápita recibe da Xunta de Galicia e da Consellería no vindeiro ano 2015.

Organización

No que se refire á organización funcional destas instalacións, constan os seguintes niveis:
• Nivel -1: alberga o aparcadoiro con 153 prazas.

• Nivel 0: a cota inferior da avenida Magoi e con acceso directo dende ela, nel sitúanse a área de exposicións e congresos, control e seguridade e acceso principal ao aparcadoiro.

• Nivel 1: a cota superior da avenida, na que se sitúan os escenarios das dúas salas con acceso directo a cota para carga no escenario principal e camerinos da sala menor. A área administrativa sitúase neste nivel.

• Nivel 2: a cota do xardín, acolle o acceso directo ás salas, acceso ao área de congresos e un acceso independente á cafetería a través do miradoiro. Neste nivel o vestíbulo lineal convértese nun miradoiro continuo coa dobre transparencia cara ao xardín e cara á Avenida.

• Nivel 3: nesta planta sitúase o restaurante e área restrinxida así como os lucernarios e dobres alturas do vestíbulo. A área de congresos desenvólvese neste nivel e localizadamente nos niveis 3 e 4.

A versatilidade dos espazos permite a utilización independente e simultánea destes de forma natural. A cafetería e restaurante organízanse en dous niveis e teñen un posible acceso independente a través do xardín ademais da conexión co vestíbulo no nivel 2. Dispón dunha terraza miradoiro exterior e no nivel 3 a área de uso restrinxido pódese vincular ao restaurante.

En relación ás salas, cabe sinalar que se apoian na ladeira e os seus chanzos continúan o perfil natural do terreo. O uso da luz natural é obrigado en gran parte dos usos previstos e propóñense fiestras horizontais rasantes, con sistema de escurecemento, abertas á nacente cara á ladeira axardinada, buscando a integración dos actos e representacións na natureza xeométrica.

As prazas, todas elas con visión frontal, dispóñense nun único plano tallado sobre a topografía. As salas organízanse en dous volumes distintos, un para a sala principal e outro volume menor para a segunda sala. Os espazos internos de apoio ás salas como camerinos ou vestiarios sitúanse no nivel 0 e os seus escenarios no nivel 1 con circulacións internas claras e directas. A sala menor ten así mesmo camerinos a nivel de escena.

O acceso de público e vestíbulo prodúcense no nivel 2 co que se logra esa situación óptima para salas de música e teatro de acceder a medio nivel ao chanzo descendendo cara á escena. A sala principal proxéctase con acabado de madeira de eucalipto e a sala menor, en madeira clara de Mongoy. As paredes de paneis de madeira fonoabsorbente para as distintas frecuencias, o fondo luminoso das cabinas técnicas e o pavimento claro ou escuro en madeira, segundo a sala, configuran o seu aspecto final.

Polígono das Gándaras

A Conselleira de Medio Ambiente quixo destacar nesta visita que o Polígono das Gándaras beneficiarase de facilidades para o acceso ao solo industrial, xa que se prevé unha rebaixa no custo do metro cadrado de solo industrial de ata o 50%.

Esta novidade tamén inclúe a aqueles parques empresarias situados nas zonas Impulsa –Ourense, Ferrolterra, Lugo e Costa da Morte-, así como para os concellos fronteirizos con Portugal.

Isto inclúese en Galicia – Industria 4.0, a Axenda da Competitividade Industrial Galega, que establece as pautas para modernizar a industria co obxectivo de crear 50.000 novos empregos de calidade durante este período.

28 de novembro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.