O BNG de Vigo decidirá este xoves si Serafín Otero se converte en candidato á Alcaldía
O BNG de Vigo celebrará este xoves unha asemblea na que se proporá a candidatura que presentará ás próximas eleccións municipais, encabezada polo actual secretario comarcal da CIG, Serafín Otero.
Segundo explicou o propio Otero, en declaracións aos medios, aceptou ser proposto como candidato e, ademais del, “hai outros dez nomes sobre a mesa” que formarían parte desa candidatura (que logo se completará ata os 27 integrantes da lista, máis os suplentes).
Nesa relación de dez persoas, “están representados os principais movementos sociais da cidade”, e “non hai persoas que xa estean no Concello”.
Serafín Otero non quixo entrar en detalles sobre a candidatura porque aínda ten que ser votada na asemblea, e ratificada (a cabeza de lista e os primeiros da candidatura) posteriormente no Consello Nacional o 29 de novembro.
SUBSTITUCIÓN NA CIG
Sobre o enfoque da campaña electoral, e coa gran atomización das forzas de esquerda, Serafín Otero afirmou que, se é elixido candidato, fará valer a súa condición de “home de consenso”. “Trataremos de falar para chegar a acordos, sempre dentro das liñas do BNG”, engadiu.
Sobre a súa substitución na CIG, o secretario comarcal sinalou que, “por ética”, débese facer “de maneira inmediata”, especialmente no complicado contexto socioeconómico actual.











