O BNG dá a benvida á marcha de Currás aínda que non considera que se abra unha nova etapa
O voceiro do BNG en Santiago, Rubén Cela, deu “a benvida” á marcha do exalcalde popular Ángel Currás do Concello compostelano, pero advertiu de que coa súa saída “non se abre” unha nova etapa, senón que ao seu xuízo hai “máis do mesmo” na Casa do concello, con “máis” e o “mesmo” Partido Popular.
En rolda de prensa tras coñecerse que Currás presentou este luns a renuncia á súa acta como concelleiro, Cela valorou que se produza “sen ningún tipo de contraprestacións”, despois do intento frustrado de nomear o exrexedor como delegado da empresa pública Tragsa en Galicia.
A este respecto, o nacionalista congratulouse de que o labor da oposición, tanto social como política, na súa opinión foi útil, pois tras a “presión” exercida o PP “rectificou” nesta intención. “Se non fose por esa presión social, estaría nese posto”, incidiu.
Ao actual primeiro edil, Agustín Hernández, achacoulle “falta de celeridade e contundencia” na súa forma de actuar en relación con este asunto, para concluír que “perdura” na capital galega “parte da factura do PP de Santiago”.
“Non se abriu unha etapa nova, senón que hai máis do mesmo, máis PP, o mesmo PP,” argumentou, ao asegurar que os populares continúan aplicando “a súa folla de ruta” aínda que “varían as caras”. “Pero, por desgracia, a forma de entender a política municipal vai seguir”, censurou.
Sobre o feito de que xa non queden persoas imputadas no grupo popular, Cela considerou que “é o mínimo que se pode esixir”, pois o Bloque sempre pediu “separar” as responsabilidades xudiciais das políticas e dimitir sen necesidade de esperar a que haxa unha sentenza en casos “de malas prácticas” como o era ao seu xuízo o de Currás. “Existían motivos sobrados para que abandonase”, subliñou.
Neste sentido, sobre se xerou sorpresa a decisión deste luns, o voceiro do Bloque afirmou que era “bastante predicible”, e unha cousa de “días, semanas ou como moito meses”.
“UN NOVO DEDAZO”
Para rematar, criticou que se vaia “asistir ao esperpento dun novo dedazo”, de modo que a Casa do concello vaia contar cun concelleiro non electo máis.
Así, insistiu en que as prácticas que caracterizaron a xestión de Currás –falou de “autoritarismo” e “falta de diálogo”–, na súa opinión, “non “van desaparecer” e seguen “vixentes” con Hernández.











