O BNG critica os incumprimentos do presidente do Goberno en Ourense
O BNG criticou os “incumprimentos” do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na cidade de Ourense, entre os que citou a non execución das obras de remate da nova biblioteca, no grande espazo cultural do convento de San Francisco, e no ámbito do termalismo, ao que destina unha pequena partida plurianual.
En rolda de prensa, a deputada no Congreso Olaia Fernández Davila e o voceiro do BNG no Concello de Ourense, Xosé Somoza, debullaron “os incumprimentos” e correspondentes emendas aos Presupostos Xerais do Estado para 2015, dados a coñecer hai dúas semanas.
A deputada explicou que as emendas do BNG ao presuposto estatal suman 2.470 millóns de euros e céntranse en políticas de fomento de emprego, protección social e servizos relacionados co ensino, para facer fronte ás “políticas de recortes que se seguen manifestando nos sectores básicos, o que contrasta co optimismo do Goberno de Rajoy, que se farta de dicir que España crece”.
Como exemplo, aludiu ao presuposto do Ministerio de Sanidad e de Servicios Sociales, que se “reduce un 5,6 por cento”, pero o empobrecemento social “é unha evidencia da que non se decata só o BNG senón confirmada pola Unión Europea, o Banco central e diferentes organizacións humanitarias”.
INCUMPRE EN OURENSE
A deputada Fernández Davila aludiu tamén aos “incumprimentos” do Goberno do PP, que pouco despois de aprobar as contas, aplica novos recortes “salvo ao Ministerio de Defensa, exemplo das mentiras do presidente pois, por un lado, di que mantén o seu presuposto e por outro, anuncia unha modificación de crédito para gastos militares xa comprometidos”.
A deputada e o voceiro municipal aludiron aos “incumprimentos” en Ourense, onde a partida destinada ao espazo cultural do convento de San Francisco, onde se construíu a nova biblioteca da cidade, está “consignada pero non executada”.
Entre as emendas presentadas polo BNG, as que se refiren á cidade de Ourense teñen que ver coa reforma integral da praza de abastos, para que se consigne un presuposto para 2015 de 205.000 euros; e a creación dun observatorio de Termalismo, Saúde e Enerxía, con consignación inicial de 200.000 euros nun plan de catro anos. Ese observatorio dará contido ao edificio do Campus da Auga, que se empezará a construír proximamente.











