O balón parado decidiu o encontro entre o Santiago Futsal e o Levante

Encontro Santiago Futsal – Levante
Santiago Futsal e Levante UD DM enfrontáronse nun encontro que cambiou de ritmo no descanso. Unha primeira metade na que os visitantes se puxeron por diante en dúas ocasións, e unha segunda na que os locais igualaron o encontro pero na que un erro defensivo custoulles o partido.
Comezou o encontro con ocasións para o conxunto visitante que xeraban claro perigo na meta local. Marcos Vara protagonizaría unha gran parada nos primeiros minutos do encontro, pero nada podería facer co lanzamento de penalti de Jordi Lledó tras unha man de Lucas Bolo dentro da área no minuto 6.
Tan só dous minutos despois, Pablo Tallón demostraría gran talante ofensivo ao roubar un balón en campo contrario e cederllo a Santi, para que este non errase no man a man co partero e igualase o marcador.
Kiko Berrocal lograría adiantar aos seus, e pór o 1-2 no marcador antes do descanso nun tiro que golpeou no pau e que se paseou pola liña de gol ata que se introduciu no interior da portaría.
Tras a continuación, o Santiago Futsal saíu á pista de Sar con maior garra e enteireza. Lucas Bolo conseguiría igualar o marcador 2-2 cun gol ao segundo pau nunha xogada de estratexia tras o saque de falta de Dani. Pero a igualada duraría poucos minutos, pois o cadro levantino volveríase a pór por diante no minuto 28 cun gol de José Revert nun saque de falta directa.
A continuación, os locais fixéronse co dominio do encontro e xerarían as ocasións máis claras de todo o partido, pero Yerai Olivero detería as varias oportunidades que tiveron os de Santiago para conseguir o terceiro. Con todo, nada podería facer o meta levantino para deter un magnífico disparo de Gallego que se coaría ao interior da portaría visitante e que significaba o 3-3 a falta de 10 minutos para concluír o encontro.
A falta de 4 minutos, Carlos Martínez marcaría o definitivo gol do encontro que lle daría a vitoria aos visitantes tras o saque de falta e o pase ao segundo pau que o de Levante non perdoaría.
Vitoria para o Levante UD DM e a terceira vitoria en Sar que se escapou para o Santiago Futsal.
Sala de prensa
O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu ante os medios tras a finalización do encontro e analizou o encontro “O partido tivo dúas partes, a primeira na que nós non xogamos, porque eu non nos vin na primeira parte. E unha segunda onde se viu o que tiñamos que ver desde a primeira.”
O adestrador engadiu que “o partido estivo aí para os dous, eu creo que o empate sería o máis xusto.”











