O axente abatido tras un tiroteo nun atraco a un banco de Vigo recibiu cinco disparos
O axente do Corpo Nacional de Policía de 41 anos que resultou ferido nun tiroteo durante un atraco a unha sucursal bancaria de Vigo recibiu cinco disparos e o seu estado continúa crítico aínda que estable, segundo confirmou a Policía Nacional.
O asalto tivo lugar sobre as 14,15 horas deste venres nunha sucursal de Abanca da rúa Doutor Carracido. No tiroteo, o efectivo policial, que responde as siglas V.A.B., recibiu cinco disparos de bala no torso, un deles á altura do pulmón, polo que tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Xeral, onde se atopa sedado.
Así mesmo, no atraco faleceron unha axente policial, Vanessa María L. C., de 36 anos -que foi reanimada pero morreu no quirófano-, e o atracador, cuxa identidade aínda non transcendeu. O ladrón colleu como refén á subdirectora da sucursal e utilizouna como parapeto para tratar de escapar. A muller foi alcanzada por unha bala nunha extremidade, aínda que as súas feridas foron leves.
Ademais, fontes da Policía confirmaron que se chegou a mobilizar a un negociador, aínda que finalmente esta intervención non se chegou a producir debido a que se abriu fogo.
Até o lugar trasladáronse o helicóptero e efectivos da Policía Nacional, dúas ambulancias asistenciais e outras dúas medicalizadas, e axentes da Policía Local, que mantiveron a zona acordoada e cortaron a rúa. Ademais, tamén se persoaron o comisario provincial de Pontevedra, a comisión xudicial, a Policía Científica, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
TESTEMUÑAS
Algunhas testemuñas comunicaron aos medios que viron saír ao atracador da sucursal coa cara cuberta cunha braga e un gorro, e agarrando do pescozo a unha persoa, que sería a subdirectora da sucursal.
Segundo explicaron, a policía deulle o alto ao individuo pero el abriu fogo, polo que os axentes responderon disparando. Ningunha das testemuñas puido confirmar se o presunto ladrón tiña cómplices, posto que non viron a ninguén escapando nin esperando por el. En todo caso, será a investigación policial a que determine como ocorreron os feitos.











