O Aspil Vidal Ribeira Navarra vence pola mínima ao Santiago Futsal
Santiago Futsal e Aspil Vidal Ribeira Navarra medíronse nun partido no que un solitario tanto de Andresito na segunda parte serviulles aos visitantes para levar os 3 puntos do Multiusos.
Nunha primeira parte na que o Santiago Futsal tivo posesións de balón moi longas, pero que non lograban finalizar en gol, avisou por dúas ocasións Diego Quintela pero o meta visitante Molina, moi acertado na noite de hoxe, detivo a primeira cunha man á vaselina do de Arzúa e con outra gran parada ao tiro raso do peche do Santiago.
Avisaba tamén a Ribeira Navarra cun tiro de Joselito que detivo Iker e cun tiro posterior de Hamza que se marchou desviado.
Dani ‘Chinés’ puido ter o gol antes do descanso, pero Molina volvería protagonizar outra gran parada impedindo o gol local.
Tras o paso por vestiarios, Lucas Bolo tería a ocasión máis clara dos primeiros compases da segunda metade para inaugurar o marcador. O arxentino rematou un balón que se marchou rozando o segundo pau tras un bo pase de Iván Rumbo.
Transcorridos 6 minutos da segunda parte, o conxunto visitante poríase con 5 faltas. Apertaba o Santiago Futsal buscando o gol, pero nunha contra dos visitantes chegaría o primeiro do partido. Andresito non fallaría no tiro só ante o porteiro e inauguraría o marcador no minuto 27 do partido.
Só un minuto despois, os visitantes cometerían a sexta falta, pero Molina volvería ser protagonista doutra parada no tiro de Gallego desde os 10 metros.
Apostou o Santiago Futsal con porteiro xogador os últimos 6 minutos con posesións de balón moi longas en campo contrario, pero se non era Molina que as paraba, era o pau, tras un tiro de Lucas Bolo, que impedía que chegase a igualada.
Así concluíu o encontro, cun marcador de 0-1 e os 3 puntos que non puideron quedar en Santiago.
Sala de prensa
Tras a conclusión do encontro, Santi Valladares compareceu en rolda de prensa. O técnico galego analizou o partido como “un partido moi igualado. Magoáronnos nesa contra, que era o que máis temiamos deles. Na primeira parte tivemos varias ocasións para pornos por diante, e o partido cambiaría por completo. Pero non finalizamos esas ocasións, ademais Molina estivo fantástico. E despois, na contra na segunda parte matounos. E xa non fomos capaces de darlle a volta, nin co ataque de 5. Tivemos o balón pero a falta de experiencia notouse en que ninguén quería fallar, nin arriscar.”
Tamén engadiu que o que lle faltou ao equipo foi “o gol na primeira parte. Tivemos ata 4 ocasións para adiantarnos e se nos puxeramos por diante o partido cambiaría por completo.”











