O Ártabras Fene organiza unha conferencia sobre prevención de lesións e readaptación deportiva
O club feminino local de fútbol sala “Ártabras Fene”, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, organiza este domingo a conferencia “Hixiene deportiva. Prevención das lesións. Readaptación deportiva despois dunha lesión. Figura do readaptador deportivo”. A cargo de Camilo Prieto Rivas, licenciado en Educación Física, osteópata, estudante de fisioterapia e traballador de MasSalud do municipio, celebraráse na Aula da Concellería de Deportes (avda. Naturais, 44, entrechán dereita) entre as 11 e as 13 horas. A entrada é libre e gratuíta, e está destinada a deportistas, familiares, adestradores, preparadores físicos, coordinadores deportivos, técnicos municipais…
Camilo Prieto Rivas leva máis de dúas décadas vinculado ao fútbol en calidade de xogador, preparador físico e readaptador. Exerceu como readaptador funcional deportivo e preparador físico de clubes comarcais como o Narón, o Racing de Ferrol e o Somozas; mantivo colaboración tamén co CCRD Perlío, Villalbés ou As Pontes e, na actualidade e no campo do fútbol sala, presta servizos ao Ciudad de Narón e Ártabras.











