O Arquivo da Deputación de Pontevedra inaugura unha exposición con motivo do centenario da morte de Celso García de la Riega
O Arquivo provincial acolle unha exposición con motivo do centenario da morte de Celso García de la Riega, o historiador, intelectual e deputado pontevedrés que foi autor da tese do Colón galego.
A mostra que hoxe se inaugura é unha exposición de recoñecemento e reivindicación da súa figura. Nela mostraranse reproducións de todos os seus debuxos e pinturas –cuns orixinais que se atopan no Museo de Pontevedra–, a súa obra literaria, interpelacións parlamentarias, críticas ós seus traballos e varios dos seus artigos xornalísticos.
As dúas obras máis coñecidas son La Gallega, de 1897, e Colón, español. Su origen y su patria, de 1914. Con elas foi o iniciador da tese do Colón pontevedrés e creou unha escola e unha senda que hoxe se seguen en Pontevedra e Galicia arredor deste tema.
Un dos seguidores máis entusiastas da súa tese no século XIX foi o deputado provincial Prudencio Otero Sánchez, primo de Valle-Inclán, que viviu varios anos na Arxentina e publicou un libro de moita sona en Bos Aires e España, chamado España, la patria de Colón.
Celso García de la Riega foi secretario do Goberno Civil da Habana, membro do Tribunal de Contas, xefe de Política Exterior do Ministerio de Ultramar, Gobernador Civil de León, deputado por Cambados polo Partido Liberal e membro da Real Academia Galega.
A súa obra abarca diversos campos: desde a Historia á Filoloxía pasando pola Toponimia ou a Literatura. Coas súas interesantes achegas quixo promover e dar recoñecemento á súa cidade natal, Pontevedra. Foi socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica, e a súa obra Galicia Antigua foi declarada de “relevante mérito” pola Real Academia Galega.











