O Aquarium Finisterrae dedica á fauna das profundidades o tanque cilíndrico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que a sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae renova un dos seus acuarios máis singulares, o tanque cilíndrico de gran volume (10.000 litros), que presenta agora unha colección de animais de profundidade.

Rapes (Lophius piscatorius), raias santiaguesas (Raja naevus), peces trompeteros (Macroranphosus scolopax), bueis de altura (Cancer bellianus), cangrexos rabuña (Paromola cuvieri), lagostinos (Nephrops norvegicus), corais amarelos (Dendrophyllia cornígera) e ourizos de profundidade (Echinus acutus) forman parte da colección de especies que viven neste tanque.

Para reproducir as condicións ambientais dos seus hábitats naturais, realizáronse traballos de adaptación da temperatura, luminosidade e outros parámetros da auga deste acuario. Así, a iluminación deste tanque é dunha tonalidade azulada, a correspondente ás lonxitudes de onda da luz que penetra ata os 200 metros de profundidade. E a temperatura da auga é duns 12ºC, recreando a existente a uns 400 metros de profundidade.

Para a montaxe desta exposición contouse coa colaboración do doutor Francisco Sánchez, investigador do Centro Costeiro de Santander do Instituto Español de Oceanografía.

O Aquarium Finisterrae, do mesmo xeito que a Casa das Ciencias e a Domus, está ata o domingo 16 de novembro celebrando xornadas de portas abertas con motivo da Semana da Ciencia.

10 de novembro de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.