O alcalde respalda as demandas veciñais sobre a futura liña de alta tensión Paizás-A Estrada
O alcalde da Estrada, José López, anunciou hoxe un “apoio firme” ás demandas dos veciños das parroquias afectadas polo paso da futura liña de alta tensión Paizás-A Estrada -promovida por Unión Fenosa Distribución, para minimizar a afección a entidades de poboación e aos bens e recursos naturais e culturais. Este respaldo xa lle foi amosado persoalmente o pasado xoves polo rexedor local a unha representación veciñal encabezada polo pedáneo de Oca, que é unha das parroquias a priori máis afectadas por esta liña que unirá a futura subestación de Paizás (Silleda) coa da Estrada e que terá unha lonxitude de 19,1 quilómetros.
Froito dese encontro, José López encargoulle a un técnico municipal a elaboración dun informe de alegacións orientado reducir o impacto da liña de alta tensión tanto en núcleos residenciais como en bens culturais, naturais e hidrolóxicos, entre outros. Tendo en conta que na actualidade están a exposición pública o anteproxecto da liña e a declaración de impacto ambiental, José López considera que “o proceso administrativo atópase no momento axeitado para que a empresa amose sensibilidade respecto das peticións veciñais que sexan razoables, priorizando sempre o alonxamento dos núcleos de vivendas máis próximos e a máxima protección para bens como o Pazo de Oca e os recursos naturais de valor paisaxístico e medioambiental”.











