O alcalde de Vilagarcía lembra á oposición que o pleno de 1 de decembro é ordinario
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, mostrouse hoxe sorprendido pola reacción dos grupos da oposición respecto do aprazamento do pleno ordinario de novembro para o 1 de decembro, é dicir, para unha semana despois. No escrito remitido onte aos portavoces dise ben claro que “o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro de 2014. O motivo deste cambio de data vén motivado pola preparación da documentación dos orzamentos de 2015”.
Posto que, como queda claro, é un aprazamento, non unha suspensión, tampouco se trata dunha sesión extraordinaria e, en consecuencia, na orde do día se incluirán as mocións que xa presentaron ou vaian presentar os grupos políticos, ademais das interpelacións e mesmo as intervencións do público, como adoita suceder en calquera sesión ordinaria.
O exemplo do goberno anterior
O alcalde pide, por iso, á oposición un pouco máis de rigor nas súas críticas, xa que unha lectura non apresurada nin terxiversada do escrito que se lle remitiu onte evitarían que quedaran en evidencia ao falar de “desprezo á cidadanía” ou “manobra”. En calquera caso, roza o atrevemento que se fale de “incapacidade” para atrasar unha semana o debate dos presupostos cando quen así critica non foi quen de presentar os presupostos en tempo en forma durante os catro anos que tiveron a oportunidade de facelo, co resultado por todos coñecido.











