O alcalde de Santiago trasladará quen é o substituto de Currás cando sexa o momento
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández (PP), afirmou que trasladará quen é o substituto do exrexedor Ángel Currás, que finalmente renunciou á súa acta como concelleiro, “cando teña o nome e sexa o momento”.
Preguntado en rolda de prensa, o rexedor declinou achegar máis información ao respecto, ao destacar que “o único que lle preocupa” agora é o mesmo que cando buscou as persoas que integran o seu equipo de goberno, e agregou: “Teño que traballar pola cidade”.
Así, respondeu aos medios que o nome de quen substituirá a Currás no Concello “se coñecerá” cando o pleno “tome a razón” da súa renuncia.
Ángel Currás presentou a súa renuncia como edil o luns 10 e anunciou que se reincorporará á súa cátedra de Bioloxía no Instituto Arcebispo Xelmírez número 1 da capital galega. Previamente, transcendera que ía ser nomeado como delegado da empresa pública Tragsa en Galicia, algo que non chegou a concretarse.
Imputado na ‘Operación Pokémon’, vinculou a súa marcha ao sobresemento da súa imputación por prevaricación e acoso moral sobre o exsubxefe da Policía Local de Santiago José Antonio Carril.
Levaba sete anos no Concello, cinco como concelleiro e dous como alcalde, onde relevou a Gerardo Conde Roa, que foi forzado a dimitir a raíz da súa imputación por unha fraude fiscal pola cal acabou por ser condenado. Co seu abandono, na Casa do concello compostelano soa queda a concelleira Reis Leis do grupo de concelleiros do PP elixidos nas urnas en 2011.











