O alcalde de Santiago marca como obxectivo turístico para 2015 superar o medio millón de pasaxeiros nas conexións internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

Superar o medio millón tanto de pernoctacións internacionais como de pasaxeiros nas conexións internacionais. Estes dous obxectivos, xunto coa desestacionalización, son os marcados polo Concello en materia turística para 2015. Así o indicou o alcalde de Santiago na presentación dun novo número da revista CompHostelería, no que o propio Agustín Hernández ten a oportunidade de comentar estes propósitos. En palabras do alcalde, a falta dos datos do último trimestre, o 2014 foi o ano da “consolidación da recuperación das cifras turísticas na nosa cidade, cuns resultados entre xuño e setembro que son os mellores dos últimos anos, exceptuando o Xacobeo”. Tras un período difícil e partindo dunha análise que “mostraba unha dependencia excesiva do mercado español”, dixo, “centramos os nosos esforzos en potenciar os mercados internacionais, tanto os nosos mercados tradicionalmente prioritarios, como Alemaña, Italia, Francia ou Reino Unido, como aqueles mercados que considerabamos que constitúen oportunidades para a cidade, como Estados Unidos, Irlanda, Bélxica, Holanda, Polonia, Brasil, Corea, Xapón…

Gran parte dese esforzo, lembrou, centrouse na mellora da conectivividade internacional do aeroporto, concibido como a principal porta de entrada do turismo foráneo non só na nosa cidade, senón tamén en Galicia. Para Agustín Hernández, “os datos avalan esta estratexia”, indicando que, neste 2014, “o aeroporto xa superou os 400.000 pasaxeiros nas conexións internacionais e, por primeira vez na historia, podemos alcanzar os 450.000”. En 2011, houbera menos de 220.000 pasaxeiros, polo que, “en a penas tres anos conseguiremos dobrar o tráfico internacional non noso aeroporto”, apuntou.

En canto ás pernoctacións internacionais, indicou que a previsión é que neste 2014 se logre tamén a maior cifra histórica, pasando por primeira vez das 450.000, que representarían o 40% do total.

Non obstante, o alcalde non se deu por satisfeito e anunciou que o Concello vai seguir traballando na mellora do turismo internacional e da conectividade internacional do aeroporto. Neste sentido, a aposta polo turismo como eixo de dinamización económica da cidade queda reflectido nunha partida municipal de 2,8 millóns de euros nos orzamentos municipais para Turismo de Santiago en 2015.

Agustín Hernández traduciu ese esforzo orzamentario en tres obxectivos para o novo ano: superar por primeira vez o medio millón de pernoctacións internacionais na cidade, aproximando aínda máis o seu peso no total da demanda da cidade ao 50%; superar tamén por primeira vez o medio millón de pasaxeiros nas conexións internacionais directas do aeroporto; e reducir a desestacionalización da demanda, que “é un dos grandes retos do sector turístico de Santiago, continuando na liña de consolidación da cidade como destino de congresos, xornadas e eventos e desenvolvendo programas que aumenten o fluxo entre novembro e abril”. “Temos un proxecto turístico para Santiago, que pasa por consolidar a cidade como un destino internacional de primeira orde mundial, cun aeroporto referente no noroeste peninsular e cunha distribución sostible da demanda ao longo do ano”, concluíu.

25 de novembro de 2014 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.