publicidade hoxe

O alcalde de Ponte Caldelas supervisa as obras de mellora da estrada de Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Visita do alcalde ás obras

Visita do alcalde ás obras

O alcalde Perfecto Rodríguez supervisou a finalización das obras de mellora da Estrada Provincial CP-0202 Ponte Caldelas-Pazos, que dá acceso a este núcleo de poboación, e que a Deputación de Pontevedra adxudicou á empresa Construcións e Escavacións Pérez Portela, S.L., cun orzamento de 134.000 euros.

As obras que están a ser rematadas pola empresa consistiron na realización dunha nova pavimentación do viario sobre unha lonxitude aproximada duns 800 metros lineais, así como a renovación das tubaxes da rede de recollida de pluviais e do saneamento existente na zona. Os traballos contemplaron a separación das augas pluviais e fecais que, até agora ían xuntas en varios puntos da rede de sumidoiros.

Así mesmo, o alcalde, en atención á solicitude realizada polos veciños, ampliou a rede de sumidoiros e tragantes de augas pluviais co fin de evitar que cando se produzan choivas torrenciais este viario se converta nun discorrer natural para a gran cantidade de auga proveniente do alto do monte.

Coa substitución das tubaxes realizada preténdese mellorar o funcionamento destes servizos evitando que se filtren ao saneamento cantidades de auga procedentes da choiva que debe evitarse que cheguen á depuradora. Algo similar fíxose cando se reformou a PO-255 desde a R/López Boullosa ata a recta de Pazos.

UNHA VEZ FINALICEN POR COMPLETO AS OBRAS, O CONCELLO PEDIRÁ Á DEPUTACIÓN O SEU TRASPASO A TITULARIDADE MUNICIPAL

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas, está a valorar a posibilidade de asumir a titularidade desta estrada, unha vez se finalicen por completo as obras, xa que se trata dun viario que, polas súas características, poderíase cualificar como interior xa que os seus 800 metros lineais de lonxitude discorren polo núcleo de Pazos, con moitas vivendas a ambas as marxes da calzada, que impiden no futuro o seu ensanche.

No caso de pasar a ser un viario municipal, os veciños de Pazos evitaríanse todos os trámites que actualmente teñen que realizar ante a Deputación de Pontevedra para calquera pequena reforma que queiran acometer nas súas vivendas. Ademais, sendo municipal e tendo en conta que no viario están instaladas tubaxes da rede de saneamento ou auga, facilitarase tamén calquera reparación ou enganche que agora hai que realizar solicitando, previamente, autorización á Deputación de Pontevedra.

27 de novembro de 2014 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.