publicidade hoxe

O alcalde de Ponte Caldelas comparte a preocupación dos veciños pola falta dun parque de bombeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou que comparte a preocupación dos veciños pola falta dun parque de bombeiros que cubra a zona do municipio de Ponte Caldelas nun tempo razoable. Este problema demostrouse novamente durante o pasado fin de semana co incendio dunha vivenda en Gradín. O Alcalde quere deixar constancia tamén do agradecemento aos veciños de Gradín que conseguiron salvar a situación.

O problema radica en que o servizo de bombeiros para os concellos de menos de 20.000 habitantes non é de competencia municipal se non que debe prestarse a través das Deputacións Provinciais.

Para iso a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Xunta creou hai anos o Consorcio Provincial de Bombeiros, que na provincia de Pontevedra foise ampliando e actualmente conta con 5 parques comarcais para cubrir as súas diferentes áreas. Os parques están situados en Ribadumia e Vilagarcía (para a zona do Salnés e parte de Umia), O Porriño (para os municipios da contorna de Vigo, Condado e zona sur), Silleda (zona Deza – Tabeirós) e Bueu (zona do Morrazo aos que se engadiron Ponte Caldelas e Soutomaior). Así, por tanto o municipio de Ponte Caldelas está asignado ao Parque da zona do Morrazo situado no Polígono de Castiñeiras no municipio de Bueu por ser o máis próximo. No entanto, cos parques actuais do Consorcio Provincial de Bombeiros non se cobre a totalidade da provincia.

Para Perfecto Rodríguez “é evidente que esta solución non satisfai as necesidades do municipio pero ata hai uns anos nin sequera tiñamos asignado ningún parque”. Os parques das cidades de Pontevedra e Vigo son estritamente municipais e só actúan nos seus respectivos concellos. A posibilidade de comarcalizar estes dous parques para que prestasen servizo aos municipios da súa contorna barallouse durante varios anos, pero non foi posible nos máis de 25 anos de negociacións entre Xunta e eses Concellos.

Hai outros concellos da provincia que nin sequera teñen asignado un parque de bombeiros polo que a situación é máis complexa. A Xunta tentou cubrir o problema creando os GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal) pero nestes casos esixía que dependesen dos concellos, algo que non era asumible economicamente para Ponte Caldelas e ademais non ten sentido que os concellos máis grandes teñan cuberto o servizo sen custo polo Consorcio e outros máis pequenos tivesen que custealo eles.

A solución, segundo Perfecto Rodríguez, pasa porque no futuro se amplíe este Consorcio Provincial de Bombeiros creando un novo parque ou subparque para cubrir esta zona interior da provincia (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Fornelos, Soutomaior, etc) situándoo en calquera destes municipios para dar servizo aos mesmos. Iso solucionaría definitivamente o problema para toda esta zona, e espero que se aborde pronto, para evitar diferenzas entre os cidadáns dos diferentes municipios da provincia.

O Alcalde explica que o Concello ten un servizo de emerxencias para avarías e urxencias que teñen que ver cos servizos municipais (abastecemento de auga, saneamento, iluminación pública, problemas en estradas e camiños municipais, etc) 24 horas ao día a través do móbil 606974946 ou do 112, pero loxicamente esas urxencias non inclúen o servizo de bombeiros que o Concello non ten nin pode ter, porque non ten competencias nin persoal cualificado para prestar ese servizo en condicións, aínda que en moitas ocasións os operarios municipais, cando son avisados polo 112, acoden a colaborar en todas as incidencias, incluído os incendios.

12 de novembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.