O alcalde de Fene reúnese co xerente do Catastro para pedirlle a máxima dilixencia na resolución das alegacións ao proceso de regularización
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, trasladouse onte a Coruña para manter unha xuntanza de traballo co xerente territorial do Catastro, Benito Bericochea Miranda. Finalizado o prazo de presentación de alegacións ao proceso de regularización catastral que levou a cabo o Ministerio de Facenda en Fene e outros municipios da provincia como Mugardos e Valdoviño –na mesma comarca-, Bericochea informou ao rexidor de que o número de propietarios que se viron afectados polo proceso e que presentaron alegacións no municipio de Fene situouse no 9% do total, namentras que o 91% mostrouse conforme ás actuacións realizadas respecto ás súas propiedades. En todo caso, o alcalde solicitoulle a máxima dilixencia á hora de analizar as alegacións presentadas para enmendar aqueles posibles erros que, en opinión do alcalde, se cometeron en algunhas inspeccións.
Na súa opinión, a falla de rigor na xestión anterior en materia catastral contribuiu a que Fene fose un dos primeiros concellos nos que se iniciou o proceso de regularización catastral que, en todo caso, se levará a cabo en todos os municipios de España de aquí ao ano 2016. Lembrou que en lexislaturas pasadas, o Concello suscribía un convenio coa Xefatura Territorial do Catastro en virtude do cal a Administración local asumía as competencias á hora de tramitar altas, baixas e modificacións nesta materia, ao tempo que se dotaba ao Concello dun punto de Información Catastral. A partires dese momento, o Concello decidía, na pasada lexislatura, proceder á contratación verbal dos traballos –sen que mediase a sinatura dun contrato ou se licitase por algún procedemento-. Encárganse así a unha empresa as altas, baixas e modificacións, así como a misión de investigación e comprobación da legalidade en materia catastral. Unha firma que, ata o 2011, actuou en nome do Concello ante os veciños. E é, precisamente en 2011, cando o actual goberno municipal insta á citada empresa a cesar na súa actividade ao non mediar contrato escrito. Unha decisión que a compañía non acepta e á que contesta presentando dúas facturas que o Concello se nega a abonar. A empresa recurre entón á vía xudicial e, ante unha resolución favorable aos seus intereses, o Concello vese na obriga de desembolsar uns 70.000 euros en concepto dese traballo fóra de contrato escrito.
Unha situación á que se lle puxo remedio coa contratación dunha empresa que, agora si, leva coas máximas garantías o proceso.











