O alcalde de Fene lembra que o goberno planteou á oposición en xullo o groso das obras propostas polo PSOE hoxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, lembrou esta mañá que os grupos da oposición municipal non presentaron nin unha soa proposta en materia de obras dende o mes de xullo. Nin unha soa actuación nas reunións de xunta de portavoces que se celebran dende esa data unha e dúas veces ao mes. Nin unha soa proposta para acometer a mellora dunha rúa, dun camiño ou para instalar un alcantarillado. Lembra tamén que no pleno celebrado o pasado luns, todos os grupos votaron en contra dunha iniciativa do goberno municipal para dotar orzamentariamente a partida de Servizos no tocante a actuacións de conservación e mellora da rede viaria municipal, impedindo incorporar a este fin 80.000 euros. E, igualmente que, na última comisión de Facenda, tamén este luns, se opuxeron a destinar 375.000 euros do remanente á execución de 19 intervencións de aglomerado en rúas da zona urbana e en pistas e camiños da zona rural.

Ante a proposta realizada a través de nota de prensa polo PSOE hoxe, a pouco máis dun mes para rematar o ano, o alcalde explica que o groso das actuacións que sinalan os socialistas foron planteadas polo goberno local no mes de xullo, cando se iniciaba a instrucción do expediente para o uso do remanente. En cinco meses, o executivo local non recibiu contestación e, agora, a menos de 40 días para que remate o prazo no que esas actuacións deberían aprobarse, executarse e xusficarse, chega a petición do PSOE. Chega, explica o rexidor, cando non hai tempo material e, por iso, considera que a única vontade dos socialistas é que non se executen. En contrapartida, o goberno local que dirixe levará a pleno este venres 19 actuacións por importe de 375.000 euros para aglomerados en zona urbana e zona rural que si se poderán executar en prazo. Sempre e cando reciban o respaldo da maioría absoluta do pleno.

Por último, o alcalde matiza que, por lei, o Concello non podería destinar os 1,4 millóns de remanente a inversións, xa que o teito establecido legalmente –e así ratifican os informes municipais- ronda os 900.000 euros. En todo caso, o alcalde sinala que si a proposta do goberno local non sae adiante este venres, non prevé instruír o expediente para destinar os fondos a cancelar a débeda bancaria, requisito imprescindible para que así sexa. Igual que non fixo no exercicio pasado.

26 de novembro de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.