O alcalde de Fene lamenta que a oposición impida executar o aglomerado de 19 rúas e pistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Os seis votos a favor dos concelleiros do goberno municipal que dirixe Gumersindo Galego non foron suficientes esta mañá para sacar adiante en pleno unha modificación de crédito que permitise incorporar remanente de tesourería do ano pasado por importe de 375.000 euros e destinalo ao aglomerado de dezanove rúas en zona urbana e pistas e camiños en zona rural. O rexidor explicou que os sete votos en contra de PSOE, BNG e IU tumbaron a proposta do executivo local e o municipio perde a oportunidade de poñer a disposición dos veciños un mellor estado dos viais municipais. O argumento de que o goberno non é capaz de chegar a consensos que esgrimiu a oposición non lle vale a Gumersindo Galego e preguntouse como é posible entón que o executivo municipal acorde as actuacións a presentar ao Plan de Obras e Servizos da Deputación ou ao PEIM da Xunta.

Nesta ocasión, o alcalde sinalou que a oposición sabe que deixarlle investir eses fondos supón darlle un balón de osíxeno ao goberno local -nas palabras dos propios grupos da oposición-. E iso, engadiu, non están dispostos a facelo aínda a pesares de perxudicar así aos veciños. Así as cousas, se non se producen cambios normativos, esa partida de 375.000 euros que a oposición rexeitou destinar á mellora da rede viaria municipal quedará nas arcas municipais. Lembrou que dende xullo, cando se inicia a tramitación do expediente para a incorporación de remanente, a oposición non presentou nin unha soa proposta de actuación, aínda a pesares da insistencia do goberno. Recurriron a unha táctica de dilación das reunións co ánimo de chegar ao 31 de decembro e lograr que non houbese tempo material para adxudicar, executar e xustificar as actuacións.

En xullo, o alcalde asegurou que tería aceptado as propostas da oposición, pois entón se podían emprender intervencións. Por último, Gumersindo Galego aseverou que, como alcalde, alá cada un coa súa conciencia. A ver, preguntouse, como explican esa oposición aos veciños. Lembrou neste sentido que, cando o PP estaba na oposición, nunca votou en contra das obras en Fene, cunha única excepción como foi a execución con fondos do Plan E do parque ubicado baixo a autoestrada.

Agora, as obras que PSOE, BNG e IU rexeitan executar son: nas rúas Eduardo Neira, Cañotas, Queiroga, Canabal, Maroño, Alta, Fontenova (Casa da Cultura), Camiño de San Paio e da rúa entre Carburos á Xunqueira. E, na zona rural, Camiño do Cocallo, acceso a Souto da Ribeira, Camiño da Garita, Camiño da Garita a Ribeiroá, Camiño da Igrexa, Camiño Vella de Maniños, Camiño dende a Estrada DP 3501 ao Camiño do polígono a Limodre, Camiño dos Cadabás e Camiño do Valado. Todas elas eran obras de pavimentado que sería posible executar antes do 31 de decembro, prazo máximo.

28 de novembro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.