O alcalde de Fene estudiará unha rebaixa das taxas cando o Concello liquide a débeda contraída polo anterior goberno
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, contestou esta mañá ás acusacións verquidas polo BNG local en materia fiscal lembrándolle á formación nacionalista que nos tres anos que o PP leva gobernando en Fene non se subiron as taxas nin as ordenanzas fiscais. En canto ao Imposto de Bens Inmobles ao que alude o BNG, Gumersindo Galego asegurou que a afirmación de que nesta lexislatura se incrementou a contribución é simplemente unha falsidade. Neste sentido, o rexidor lémbralle que o Concello mantén invariable o coeficiente do 0,64% dende hai doce anos, despois de que así o aprobase con maioría absoluta o propio BNG. O que, no seu día, supuxo situar a Fene como un dos municipios da provincia cun porcentaxe máis elevado. Na actualidade, reitera o alcalde, o Ministerio de Facenda está a levar a cabo unha regularización catastral que, en ningún caso, supón unha revisión dos valores aínda que algunha formación se empeñe en que así sexa.
Así mesmo, e sobre unha posible rebaixa do IBI ou doutras taxas, Gumersindo Galego sinala que non se levará a cabo antes das eleccións xa que o que guía a súa xestión non é precisamente o oportunismo político. En todo caso, considera que o momento chegará unha vez que o Concello salde os préstamos contraídos cando o BNG gobernaba e que, aínda a día de hoxe, ascenden ao millón de euros.
De igual xeito, asegura que calquer modificación fiscal debe ir no marco duns orzamentos. E, no caso de Fene, o rexidor lembra que o seu goberno nunca recibiu o apoio desta formación neste sentido, polo que se ve na obriga de prorrogalos exercicio tras exercicio. Nesta liña, Gumersindo Galego sinala que, a pesares das dificultades e atrancos, o Concello non repercute esta situación nos veciños e veciñas e, como exemplo, lembra que era a Administración local quen asumía o sobrecuste do incremento do canon aprobado por Sogama en marzo deste ano. Uns 70.000 euros para Fene. O que evitou que a veciñanza se vise obrigada a pagar máis polos seus recibos do lixo.











