O alcalde de Cedeira levará a pleno unha rebaixa do IBI e do imposto de rodaxe
Tal e como anunciara a finais do mes de setembro o alcalde de Cedeira, Luis Rubido, o goberno municipal que dirixe levará este venres a pleno unha rebaixa de impostos municipais para o ano 2015. Unha reducción que inicialmente afectará a dous tributos de calado como son o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (máis coñecido como rodaxe). Así mesmo, Luis Rubido tamén avanzou que a reducción se planteará para a taxa por ocupación de terreos de uso público con cadeiras e outros elementos análogos con finalidade lucrativa. É dicir, a taxa que os hosteleiros da vila pagan pola instalación das súas terrazas na vía pública. Neste último caso, o alcalde apunta que a súa intención é tentar profundizar nesa política de impulsar determinados sectores económicos estratéxicos para a vila como o sector servizos.
Nos mesmos termos nos que se tiña pronunciado cando avanzou a citada reducción, Luis Rubido achacou a medida á actual situación económica do Concello, froito fundamentalmente da racionalización do gasto aplicada polo executivo local que, nestes momentos, permite rebaixar a presión fiscal sobre os veciños e veciñas, convertindo así a Cedeira nun dos primeiros municipios nos que se asuman este tipo de medidas. Deste xeito, o rexidor apuntou que o Concello celebrará mañá venres unha sesión plenaria extraordinaria na que se someterá a votación a modificación das correspondentes ordenanzas fiscais para incorporar as reduccións. No caso do IBI, o tipo impositivo pasará do 0,55 actual ao 0,53 para os bens inmobles urbanos e do 0,55 ao 0,48 nos de natureza rústica.
O alcalde apuntou que a día de hoxe Cedeira xa é un dos municipios da comarca de Ferrol onde menos se tributa por este concepto –Ferrol (0,63% e 0,60% para inmobles urbanos e rústicos respectivamente; Ares, 0,70 e 0,75; Narón, 0,70 e 0,70; Fene, 0,67 e 0,64; Neda, 0,60 e 0,75; Valdoviño, 0,60 e 0,50; San Sadurniño 0,66 e 0,80; As Somozas, 0,52 e 0,55 e Moeche, 0,50 e 0,55). Respecto ao imposto de rodaxe, Luis Rubido anunciou que a rebaixa no recibo oscilará entre os tres e os cinco euros –dependerá do tipo de vehículo-, a excepción dos de alta cilindrada. Uns e outros, e unha vez aprobadas as modificacións en pleno, entrarían en vigor o 1 de xaneiro. Así mesmo, o alcalde sinalou que xa estuda outras posibles reduccións de cara a incentivar, sobre todo, a actividade económica. Entre outros, avanzou unha posible diminución na taxa para o pintado de fachadas ou bonificacións para aqueles propietarios de terras de labradío que as cedan para cultivo por tempo determinado a persoas en situación de desemprego.











