Nunca antes a Sociedade Ximnástica competira tanto como na tempada 2013/2014
A Sociedade Ximnástica de Pontevedra, pechou o curso 2013/2014, cun record de número de actuacións e competicións ás que acudiron os seus atletas.
Os atletas pontevedreses levaron a palma ao acudir a un total de 288 competicións federadas, superando as 285 do ano 2012. Pero no número de actuacións o incremento foi notable con 2.753, moi por encima das 2.097 do 2012.
En canto á división por sexos, as 1.015 intervencións das mozas, representa un 37% do total, aínda están en minoría con respecto ao mozos pero ano a ano están a achegarse a eles, por exemplo en 2009, representaban o 22% das actuacións.
Das 102 cidades nas que competiu a Ximnástica, Vigo e A Coruña, foron as máis visitadas, con 20 e 15 competicións respectivamente e fóra de Galicia, Madrid con 12 e Valladolid con 11; encabezan as que máis viron aos atletas da Ximnástica.
O mes máis movido para o combinado pontevedrés foi en maio, con 46 competicións con participación pontevedresa e o de menos agosto, con só 3 probas atléticas.
As probas de atletismo en pista con 209, indican ás claras o traballo no que se centra a Sociedade Ximnástica, sacar atletas para os seus equipos absolutos de atletismo, tanto o masculino, que milita na División de Honra, como o feminino, en 2ª División.
Tras o período de renovación de licenzas, a Ximnástica suma 346 atletas na nova tempada, o curso pasado totalizaron 345 atletas.
O camiño está aberto para superar de novo o número de actuacións.











