Numerosos mozos e mozas participaron en Carballo nas Xornadas de Motivación para Emprender celebradas no Fórum

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Fórum Carballo acolleu o 18 e 19 de novembro unhas Xornadas de Motivación para Emprender organizadas polo Concello -a través da Oficina de Promoción Económica (OPE)- e a Deputación da Coruña, coa colaboración do Igape e da Xunta de Galicia, nas que se abordaron as claves para poñer en marcha unha idea de negocio ou para ofrecer alternativas cara á inserción laboral. Numerosos mozos e mozas asistiron ás sesións, nas que se trataron temas como as fontes de financiamento, o deseño de marca, o marco legal para o emprendedor ou os pasos para poder pasar dunha idea a unha empresa.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Vicepresidente segundo da Deputación da Coruña, Antonio Cañás Varela, foron os encargados de pechar esta cita que desexaron que fora proveitosa para os asistentes. Cañás Varela expresou a súa satisfacción ao comprobar o cheo do auditorio, proba do cada vez maior poder de convocatoria destas citas. Defendeu “o traballo dos emprendedores e emprendedoras” porque son os que crean emprego e manteñen “vivo o tecido produtivo dunha sociedade” e animou aos mozos e mozas a que poñan en marcha as súas ideas “porque dun proxecto truncado tamén está a clave para poder acadar éxito no próximo intento”. O Alcalde tamén gabou as xornadas porque “permiten incubar novos proxectos empresariais”. Espera que servisen para buscar “outro tipo de oportunidades laborais” e tamén “novos nichos de mercado” co obxectivo de acadar “a inserción laboral no espazo en que vivimos” e que chegue a “oportunidade de demostrar as nosas valías”.

19 de novembro de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.