Nova vitoria da peña españolista Prone Lugo B
O filial do Prone logrou a súa quinta vitoria da tempada ao impoñerse con claridade (1-5) ao Burela Pescados Rubén B. Unha vitoria que a Peña Españolista Prone Lugo B cimentou nuns bos primeiros 20 minutos, que lle permitiron irse ao descanso cun claro 0-3 no marcador. Os locais tamén tiveron as súas opcións xa que despois do 0-1 obra de Adrián, dispuxeron de tres ocasións moi claras de gol, pero que foron ben atalladas polo porteiro do filial Balsa que se mostrou moi seguro; esa reacción dos mariñáns obrigou o técnico visitante a pedir un tempo morto para corrixir os erros de defensa; o tempo morto sentou ben aos xogadores do filial que saíron con máis confianza no seu xogo e así lograron aumentar a vantaxe no marcador con dous goles, obra de Jose e Rubas, e chegar ao descanso cun claro 0-3.
A segunda metade comezaba cun Burela B que plantexaba unha presión moi alta intentado gastar os seus últimos cartuchos no partido, situación que complicaba a saída de balón por parte da Peña Españolista Prone Lugo B, e que servía aos locais para que García recortase distancias no marcador. O filial do Prone non se caería e o gol do Burela B servíalle para espertar e volver meterse no partido, partido que sentenciaría con dous goles máis, obra de Jose e Diego Fente, para deixar o marcador no definitivo 1-5, resultado que mantén os pupilos de Manu Lombardía segundo na clasificación con 15 puntos, a tres puntos do líder, o Xove F.S.











