Nova victoria do Burela Pescados Rubén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+
Encontro do Uruguay Tenerife contra o Burela

Encontro do Uruguay Tenerife contra o Burela

Quinta vitoria consecutiva do Burela Pescados Rubén tras vencer na illa ao Uruguay Tenerife por 3-6. A escuadra mariñá amplía a súa mellor serie de vitorias na Primeira División nun duelo ante un conxunto tiñerfeño que presentou batalla pero que finalmente se decantou para a escuadra de Juanlu Alonso. 

O Burela Pescados Rubén comezou o encontro coas ideas claras realizando unha boa presión aos tiñerfeños e un disparo de Helder, tras rebotar en Murga, adiantou aos laranxas no minuto 5. A resposta canaria non tardou en chegar e Jacinto puxo o empate (1-1) ao minuto seguinte dando paso a un mellor Uruguay Tenerife. O encontro era aberto con ocasións en ambas porterías e os locais aproveitaron mellor o seu momento para situarse con vantaxe (2-1) outra vez con Jacinto como protagonista. Do mesmo xeito que anteriormente a resposta foi rápida. Isi logrou o empate a dous aínda que nos minutos finais os bureleses tiveron que neutralizar o empuxe local para chegar co 2-2 ao descanso. 

Na continuación, os pupilos de Juanlu Alonso tomaron o control do partido pero un erro propiciou que Murga se plantase só ante Alex para situar o 3-2 no marcador, minuto 22. O Burela Pescados Rubén mostrou a súa capacidade de reacción con bo xogo, sendo Iago Míguez o protagonista para remontar o choque con dous goles que rendibilizaron o dominio laranxa (3-4). Con esta axustada vantaxe entrouse nunha fase de constantes interrupcións motivadas polas goteiras do Palacio dos Deportes que impediron que o bonito duelo transcorrese con normalidade. Tras uns minutos de descontrol produciuse un intercambio de ocasións.

Alex evitou o empate e os laranxas perdoaron en dúas accións. Na recta final, a estratexia burelesa funcionou á perfección e Matamoros, tras un córner, puxo o 3-5 a tres para o final. O Uruguay apostou polo xogo de cinco que Matamoros penalizou no último minuto co 3-6 final.

22 de novembro de 2014 | 01:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.