Negreira presenta os proxectos para a contorna da dársena de Oza e o Dique de Abrigo

Carlos Negreira na presentación dos proxectos
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, e o arquitecto José Manuel López Mihura, presentou esta mañá os proxectos de execución da contorna da dársena de Oza e do peirao das Ánimas – acceso á torre de control marítimo – Dique de Abrigo; unha actuación que se enmarca dentro dos compromisos adquiridos pola Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña no marco do convenio subscrito o pasado mes de outubro entre ambas as entidades para a xestión dos espazos urbanos do Porto da Coruña.
“Trátase dun exemplo máis de colaboración entre administracións e do novo diálogo que establecemos entre a cidade e o porto, que cede un espazo que deixou de ter actividade portuaria para transformarse nunha zona de uso cidadán”, indicou o alcalde, quen engadiu: “Estas iniciativas cumpren, ademais, cun triplo obxectivo deste Goberno municipal: mellorar a fachada marítima e, en xeral, todos os espazos públicos da cidade; mellorar o sistema de saneamento e, por tanto, o medio ambiente; e mellorar a mobilidade, dando sempre prioridade aos peóns e ao transporte sustentable como a bicicleta”.
Dársena de Oza
Así, o proxecto da Dársena de Oza comprende unha área de actuación de 14.183 m2, que discorre entre a rotonda de acceso a Oza até o límite da praia. Así mesmo, levará a cabo a execución dunha rede de saneamento separativa que discorre entre a zona de aparcadoiro de vehículos actual até a acometida á rede municipal á altura da rotonda sinalada.
Ademais, entre as actuacións que se realizarán nesta zona, inclúese a renovación da zona do paseo, carril bici, sinalización e a eliminación do tráfico rodado no primeiro tramo do paseo, até o Club O Puntal, potenciando desta forma o seu carácter peonil. Ao mesmo tempo, levará a cabo unha renovación do espazo do contradique de Oza e a zona de acceso á praia, converténdose nunha nova zona de lecer, eliminando o valo metálico que pechaba a súa vista cara á praia e instalando un tapiz verde vexetal con áreas de descanso, exercicio e infantil.
Peirao das Ánimas – acceso á torre de control marítimo – Dique de Abrigo
Respecto ao segundo proxecto, comprende dúas actuacións diferenciadas: a reforma e urbanización de 15.243 m2 entre o Dique de Abrigo e a fronte marítima; e a execución dunha rede de saneamento desde a torre de control até a conexión coa rede municipal á altura do Hospital Abente e Lago.
As obras contemplan a posta en valor do espazo existente, incluíndo a renovación e reposición de pavimentos (carril bici e límites da área peonil) e mobiliario urbano co obxectivo principal de renovar a imaxe do paseo, establecendo unha pauta no paseo con marcas viarias que indican as distancias percorridas cada 10, 25 e 50 metros. Ademais, instalaranse balizas luminosas e unha plataforma con novos bancos e pavimento de madeira que permitirán o descanso e goce das vistas da cidade.
Cun orzamento total de 431.000 euros, que financiará a Autoridade Portuaria (134.000 euros en Oza e 297.000 euros no Dique de Abrigo), e un prazo de execución de dous meses, está previsto que a licitación de ambos os proxectos se publique nos próximos días e as obras se inicien en xaneiro de 2015 para estar concluídas na primavera.
“Estamos envorcados nesta liña de traballo que se traduce en que a cidade vai gañando espazo e transformando a contorna urbana para mellor goce de todos os coruñeses”, destacou Negreira, quen concluíu: “Estes 30.000 metros cadrados súmanse ao proxecto da Mariña e O Parrote e outras actuacións postas en marcha polo Concello como a reforma do tramo do paseo marítimo nas Ánimas, cun orzamento de máis de 460.000 euros, ou as obras da 5ª fase do paseo marítimo, cun orzamento de 668.525 euros, que dan máis protagonismo ao mar e favorecen a accesibilidade á praia. Así, en 3 anos devolveuse aos coruñeses e visitantes para o seu uso e goce 100.000 metros cadrados da fachada marítima”.











