Narart expón ata finais de mes na galería da Casa do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Son máis dunha vintena de cadros de oito artistas da comarca, todos eles agrupados na asociación Narart que busca impulsar a creatividade en todos os ámbitos da plástica. Paisaxes, imaxes oníricas, mariñas, bodegóns… compoñen unha mostra representativa tanto dos pintores e pintoras que expoñen como do obxectivo último da entidade con sede en Narón.

Narón Amigos da Arte (Narart) agrupa artistas de toda a zona e non se cingue exclusivamente ao mundo da pintura, senón que está aberta o outros ámbitos como a música, a fotografía ou a historia. A través de narart.blogspot.com pode seguirse puntualmente a súa actividade, que nos últimos meses estivo centrada en exposicións pictóricas e en charlas. Ademais, a asociación tamén ten un cometido solidario, xa que colabora con outras entidades organizando galas e poxas benéficas.

En San Sadurniño podemos gozar ata o 29 de novembro dunha exposición pictórica dalgúns dos creadores e creadoras integrados en Narart. Teresa Caaveiro, Juan Zaplana, Carlos Barcón, Alejos Lorenzo, Esther Piñán, María Julbe, Jesús Regueira e María Jesús Millarengo achégannos 25 cadros con técnicas e temas ben diferentes, aínda que entre eles predominan os óleos sobre táboa con as paisaxes rurais e costeiras. A mostra está aberta con entrada libre de luns a sábado polas mañás.

7 de novembro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.