Naraío regresa ao pasado no quinto guateque “Ghastas pista?”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Asociación de Veciños “O Castelo” de Naraío volve organizar un dos eventos con máis aceptación do seu programa anual, o Guateque Ghastas Pista?, que este ano celebra a súa quinta edición. A música será a protagonista dunha noite de sábado cun marcado ambiente retro no que a asociación ten preparados varios concursos e unha sesión de picadiscos que repasará os grandes éxitos dos anos 60, 70 e 80. Ademais, o grupo “Cremita” interpretará os grandes fitos musicais que marcaron época.

O V Guateque Ghastas Pista? terá lugar no local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol de Naraío a partir das once da noite do sábado. A Asociación de Veciños “O Castelo” leva varias semanas traballando para que este sábado todo estea a punto. Así o local social presentará unha ambientación de época cunha chea de atrezzo que nesta ocasión nos levará aos tempos do Studio 54, da época dourada das salas de festas da comarca e de cando as noites eran couto privado de “Música y Estrellas”.

Porén un dos momentos máis agardados será a actuación de “Cremita”, un grupo santiagués de recente creación que, en esencia, se corresponde en boa parte coa “Magnifique Bande dos Homes sen Medo” -Premio Galego da Música 2013-, aínda que cun repertorio máis ecléctico e, como eles mesmos din, totalmente freak. Tocan música de todos os estilos dos anos 70 e 80 cunha posta en escea de grande orquestra que converterá Naraío nunha auténtica Saturday’s Night Fever.

Nos últimos catro anos o guateque Ghastas Pista? demostrou ser unha auténtica pasarela da moda vintage. Por iso a organización ten previsto premiar as mellores caracterizacións xusto antes de que empece a sesión de picadiscos coa recuperación dos grandes éxitos da época. Karina, Marisol, Camilo Sesto, Andrés do Barro, Nino Bravo, Boney M, e outros clásicos deste tipo de festas compoñen unha lista que soará ata que os corpos aguanten. Durante a noite hai organizadas máis actividades, como o xogo da silla ou o baile da escoba que tamén terán premio.

O guateque Ghastas Pista? forma parte da programación anual da A.VV. “O Castelo” de Naraío. A entidade leva varios días promocionando o evento a través das redes sociais e, igual que todas as actividades organizadas pola asociación, a entrada é de balde.

13 de novembro de 2014 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.