Nacho Vegas actúa o xoves 13 no Playa Club da Coruña
O asturiano Nacho Vegas segue de xira co seu último álbum, ‘Resituación’, e actuará na Playa Club da Coruña o vindeiro xoves 13 de novembro, cun concerto previsto para as 23,00 horas.
O cantautor está este xoves en Murcia, o venres en Hospitalet, o sábado en Zaragoza e a seguinte cita será dentro do ciclo SON Estrella Galicia na da capital herculina, antes de recalar en Santander (o día 14) e en Pola (o 15).
Vegas acaba de estrear novo vídeo, o do tema ‘Adolfo Suicide’, “a única canción de amor do disco”, segundo el mesmo, e unha das máis celebradas de Resituación, segundo sinala o colectivo Marxophone.
O realizador do vídeo, o artista asturiano Ricardo Villoria, segundo apunta a cooperativa de músicos explica a súa obra sinalando que tras “mergullarse” na canción, realiza “unha interpretación moi persoal baseada no límite entre o utópico e o real”.
O Playa Club, pola súa banda, destaca o seu “rexurdir” como “gran sala de concertos” e resalta que o directo de Nacho Vegas súmase a outros “tan recoñecidos” como os recentes de Freedonia, Sidonie, Albert Pla e Martha High, entre outros.
Ao asturiano acompañarao a súa banda, indica, ‘La trama asturiana’, como a denomina, composta por Luis Rodríguez, Abraham Boba e Manu Molina, con incorporación de Joseba Irazoki.
As entradas poden adquirirse en Discos Portobello e Ticketea por 17 euros en venda anticipada e en despacho de billetes o día do concerto por un prezo de 20 euros.











