Mos coa butaca proxectará “Te doy mis ojos” este sábado
A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero que tivo lugar onte, enmarcado no programa Noites Vivas que este ano está a desenvolver o ciclo de cine, “Mos coa Butaca”, a proxección da película “Te doy mis ojos” o vindeiro sábado 29 de novembro ás 22:00 horas no centro Dotacional de Torroso.
A película que se poderá visionar o sábado en Torroso, trata sobre Pilar, unha muller que marcha en plena noite da súa casa, situada nun barrio periférico e residencial de Toledo; e leva consigo ó seu fillo duns oito anos. Na súa fuxida busca refuxio en casa da súa irmá, unha restauradora de arte que leva unha vida independente ó lado da súa parella escocesa, ambos residen na parte vella e histórica de Toledo.
Pilar é unha vítima máis dos malos tratos conxugais, que intenta refacer a súa vida e empeza a traballar como caixeira de visitas turísticas na igrexa que alberga o cadro “El entierro del Conde de Orgaz”. A través do seu novo traballo comeza a relacionarse con outras mulleres. Antonio, o seu home, emprende a súa busca e recuperación, promete cambiar e busca axuda nun psicólogo. Pilar dálle outra oportunidade, coa oposición da súa irmá, que é incapaz de entender a súa actitude.
A pesar dos esforzos de Antonio por seguir os consellos da terapia, a súa personalidade violenta e inseguridades lle poden e acaba espindo e humillando publicamente nun balcón a súa muller.
A película termina cun final aberto no que Pilar, escoltada polas súas compañeiras de traballo, recolle as súas cousas do domicilio para emprender unha nova vida, mentres Antonio a mira pensativo.
Os obxectivos desta actividade son, ademais de conmemorar a data do 25 de novembro, promover un ocio nocturno-saudable na xuventude do municipio de Mos, ofertar actividades de ocio nocturno atractivas e asequibles para a xuventude mosense, habililitar horarios nocturnos en espazos municipais, motivar ós xoves para un mellor uso do seu tempo de lecer, evitar o estilo de ocio actual baseado no consumo de alcohol e outras sustancias nocivas para a saúde e o correcto desenrolo persoal, crear novos espazos de socialización e divertimento, impulsar o concepto de “Concello saudable” a través do ocio nocturno colectivo programado e promover a calidade de vida da xente nova.
Os beneficiarios e beneficiarias directos deste programa son os mozos e mozas entre 14 e 35 anos, así como o entorno familiar dos mozos e mozas e toda a comunidade do municipio; aínda que se trata dunha iniciativa aberta para todo aquel que desexe asistir con entrada libre e gratuíta.











