Monforte acollerá un curso de formación teatral para profesionais en novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Área de Cultura e Turismo da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo volveu incluír a Monforte entre as localidades que acollen os cursos de formación teatral 2014 enmarcados no proxecto teatral educativo Buxiganga.

O curso, con dezaoito prazas dispoñibles e dezasete horas de duración, realizarase na Casa da Cultura de Monforte durante os días 28, 29 e 30 de novembro. O día 28 en horario de 16:30 a 20:30 h., o día 29 de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:30 h, e o día 30 de 10:00 a 14:30 h.

Baixo o título “Máscara Neutra”, o obradoiro formativo para profesionais estará dirixido por Mar Navarro e Andrés Hernández. O custo do mesmo será de 50 € para actores e actrices da provincia de Lugo e socios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), e de 80 € para as demais persoas.

As persoas interesadas en participar neste curso poden obter máis información sobre o mesmo nos teléfonos 982 260 180 e 698 192 745, ou na web www.v1deputacionlugo.org. A inscrición deberá realizarse no correo electrónico info@aaag.es ou a través doutros medios que se especifican no documento adxunto a esta información.

O traballo deste curso levará o actor e a actriz a tomar conciencia do seu propio corpo, a desenvolver un traballo paralelo coa voz, e a mellorar a súa presenza escénica e a proxección do xesto no espazo.

14 de novembro de 2014 | 11:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.