Moncho Fernández: “Temos que ser regulares”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, confirmou hoxe na rolda de prensa previa ao partido contra o UCAM Murcia (domingo, 12.30 horas – TVG2) esperarse a un rival que “que o está facendo moi ben, invicto en casa e que só acumula derrotas en pistas complexísimas como as do Real Madrid, Bilbao Basket ou CAI Zaragoza”.

Destaca “o colectivo”, por encima de todo. “Diego soubo atopar o papel de cada xogador na pista e iso reflíctese nos resultados. Non só desde o punto de vista de gañar ou perder partidos, tamén en ser o equipo que máis tapóns pon, un dos que máis recupera, etc. Un equipo solidario no aspecto defensivo e que diante o ten moi claro: aproveita aos seus mellores xogadores para competir a tan alto nivel”, afirmaba o técnico.

Non lle faltaron eloxios tampouco para o seu homólogo no banco murciano, o ourensán Diego Ocampo: “Aínda que hai tempo que nos coñecemos, tamén fai ao redor de sete anos que non nos enfrontamos como primeiro adestrador. Temos moita amizade e sobre todo moito respecto o un polo outro. Eu persoalmente estou moi contento de que Diego estea en Liga Endesa e sexamos así dous adestradores galegos nela”. Aínda que tamén se espera “novidades no seu xogo, sobre todo porque estamos ao principio da competición e os equipos aínda van engadindo novas situacións  tácticas tanto desde o punto de vista ofensivo como defensivo”.

O adestrador non quere destacar a ningún xogador por encima dos demais, aínda que asegura que “Carlos Cabezas está a darlle moita experiencia e control do xogo, e está a anotar en momentos importantes. É un xogador fundamental, que coa baixa de Bamforth nos anteriores partidos notouse máis aínda”

O Rio Natura Monbus Obradoiro, pola súa banda, buscará a “regularidade da que vimos falando en anteriores ocasións. Todos os equipos buscamos iso ao comezar. Oxalá sexamos capaces de ter a regularidade da segunda parte do partido contra o Montakit Fuenlabrada, por exemplo, e oxalá aprendamos a lección da primeira”. E como máxima, conclúe, “a defensa debe ser regular sempre: a calidade dos bloqueos, a disciplina nas posicións; en definitiva, todo iso que non depende de ter un bo ou un mal dia”

21 de novembro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.