Moncho Fernández: “Non necesitamos que nos alerten do Montakit Fuenlabrada. Vainos a esixir moitísimo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, fixo análise propia e do rival antes do partido ante o Montakit Fuenlabrada que os seus disputarán este sábado (20:00 horas), partido patrocinado por Multiusos Fontes do Sar-Complexo Deportivo Santa Isabel.

“Cando perdes nunca estás contento, pero non hai nada especialmente grave, atopámonos ben. As valoracións hai que facelas cando toque, pero a estas alturas levar tres derrotas e tres vitorias non debería considerarse malo”, afirmou. “A nosa realidade non a podemos esquecer: cada ano baixamos o orzamento, temos nove xogadores novos, cinco deles debutantes, somos o equipo que menos experiencia ten da liga se sumas os partidos Liga Endesa dos integrantes…Neste caso é un tema de datos, non de opinión. A nosa realidade é outra e os nosos obxectivos son outros por iso mesmo”.

Relativo ao xogo que os galegos están a levar a cabo, o adestrador sinalou como obxectivo “buscar unha regularidade que nos está faltando, especialmente no aspecto ofensivo, xa que no aspecto defensivo hai momentos onde defendes ben e métenche canastra, aínda que tamén teñamos erros en defensa”.

Do Montakit Fuenlabrada que os visita este sábado, Fernández asegura que “non necesitamos que nos alerten deles: Baron, Panko, etc. Sabemos quen son e sempre temos en consideración ao rival, calquera equipo desta liga esíxenos moitísimo”. “É un equipo con bastantes caras novas pero cun adestrador veteranísimo que coñece moi ben as artimañas da liga. Ten dous bloques definidos:  experiencia de xente rozando ou pasando a trintena como Andrés Miso,  Emmanouil Papmakarios, Jimmy Baron, Danny Clark ou Jeleen Akindele; e outro bloque máis novo con xente como Moussa Diagne ou Rolands Smits”, afirmou.

Concluíu cunha breve análise dos perigos que se poden atopar o sábado: “Andy Panko é o máximo anotador da liga, búscano posteando cando xoga de tres, de face cando xoga de catro ou nos lanzamentos directos cando xogan con bloqueos directos. A Akindele, por pór outro exemplo, búscano, posteando e con rebote de ataque. En definitiva, xogan a buscar as súas vantaxes”.

13 de novembro de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.