Moncho Fernández: “Hai que facer máis cousas ben que meter de tres para gañarlle ao Baloncesto Sevilla”
O adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, comentou hoxe en rolda de prensa os puntos fortes do seu próximo rival na liga Endesa, o Baloncesto Sevilla (sábado, 20:00 horas – non televisado).
“Teñen un un moi bo equipo cun xogo interior superatlético e grande”, define o técnico. “O ano pasado xogou os playoffs, este ano está en Eurocup, e aínda é demasiado pronto para dicir se está ou non na súa posición, hai que esperar un pouquiño máis”, explicou ao ser preguntado sobre se o seu posto na clasificación xeral non reflicte o perigo que o Baloncesto Sevilla ten en realidade.
Analizando o cadro de persoal máis desmenuzadamente, “Sevilla mantén máis xente do ano pasado que nós: seguen Porzingis, Hernangómez ou Radicevic, por exemplo. Logo ficharon a americanos como Byars ou Thames; e españois como Berni Rodríguez ou Alex Urtasun, que está a vivir a súa segunda mocidade e xogando francamente ben”.
Dos andaluces, que xogaron onte Eurocup contra o belga Spirou Charleroi, Fernández asegura que “hai que facer máis cousas ben que tirar de tres para gañarlle ao Baloncesto Sevilla. Usan moitísimas situacións tácticas que van cambiando para cada partido, por iso sabemos que cando veñan aquí, como en cada partido que viñeron, atoparémonos cousas novas”, sentenza.
En materia propia, “o que falta é metelas, estamos por baixo das nosas porcentaxes, é onde temos que ter máis regularidade. No último partido, en Murcia, competimos nunha pista onde o equipo local estaba a anotar case 90 puntos por partido e a nós meteunos 68. Contra o Iberostar Tenerife chegamos a facer uns ataques espectáculares…Pero hai que anotalas, e acabarémolo facendo seguro”, concluíu o adestrador.











