Michael King impartirá unha sesión gratuíta de pilates no Pavillón de Panxón
Este fin de semana, Nigrán será un ano máis capital nacional do pilates coa presenza do británico Michael King, grazas á celebración dunhas xornadas organizadas pola Asociación Nacional de Adestradores de Pilates, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán, que chegan ao municipio por segundo ano consecutivo.
Na primeira sesión, profesores profesionais desta práctica deportiva que gaña adeptos cada día aprenderán da man do presidente e fundador do Pilates Institute a súa recoñecida técnica a nivel internacional, nunha sorte de master class que se impartirá no Salón de Actos Municipal.
O domingo pola mañá, entre as 11.30 e as 13.30 horas, o adestrador británico ofrecerá unha clase de acceso libre e gratuíto no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, e que na súa primeira edición congregou a máis de 200 persoas. A solidariedade será a tónica da xornada, xa que a única condición para acceder ás instalacións municipais será entregar alimentos para o fondo municipal, que serán repartidos entre as familias máis desfavorecidas do municipio.
Esta actividade enmárcase dentro da programación anual que se elabora desde o departamento de Turismo, Cultura e Deporte, que teñe como obxectivo desestacionalizar a afluencia de visitantes ao municipio, á vez que ofrecer unha alternativa de lecer aos veciños de Nigrán.
Michael King
O británico Michael King acumula máis de trinta anos dunha impecable traxectoria profesional, ademais de ser o presidente e fundador do prestixioso Pilates Institute. Así mesmo, os seus programas de adestramento ensínanse en máis de 26 países de todo o mundo, o que garante unha xornada intensa e completa para os amantes e practicantes do pilates, tanto profesionais como amateurs.











