Medio Ambiente trasládalle ao alcalde de Vigo a posibilidade de reducir a vixencia do convenio do transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comunicoulle hoxe por carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a posibilidade de reducir a vixencia do convenio sobre o transporte metropolitano na área, coa confianza de que esta proposta permita pechar o acordo o antes posible. Así o manifestou hoxe a titular de Infraestruturas na súa intervención parlamentaria.

O Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo, o que se atopa máis avanzado, suporá a adhesión de 14 novos concellos e unha poboación de máis de 480.000 habitantes, cidadáns que experimentarán importantes aforros nos seus desprazamentos habituais.

Ethel Vázquez lembrou que “un vigués que traballe no Porriño e colla o urbano e o metropolitano podería aforrar preto de 900 euros ao ano coa entrada en funcionamento do plan e un veciño de Moaña, que habitualmente colla o barco para ir traballar a Vigo e teña que subirse ao autobús urbano (Vitrasa) para chegar ao seu posto de traballo podería aforrar máis de 1.000 euros ao ano empregando o transporte metropolitano, que no caso de Vigo sería intermodal”.

A responsable de Medio Ambiente concreta que “a necesidade é clara, xa que hai que ter en conta que o número de usuarios de transporte público na área metropolitana de Vigo descendeu entre 2007 e 2013 nun 35%, é dicir, pasou de 4.227.152 usuarios en 2007 aos 2.709.451 no pasado ano”. Engadiu que “este dato contrasta cos incrementos medios do 20% rexistrados noutras áreas nos anos de vixencia do Plan”.

A Xunta estima que coa posta en servizo do plan deixarán de circular máis de 6.480 vehículos diarios na cidade de Vigo e no seu contorno, o que se traduce en diminuír as emisións de CO2 á atmosfera.

11 de novembro de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.