publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia as obras de apertura da canle de desaugue da lagoa da Frouxeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValdoviño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia os traballos para a apertura da canle de desaugue da lagoa de Valdoviño co obxectivo de previr o desbordamento da lagoa e as consecuencias negativas do desauge incontrolado sobre o sistema dunar.

Técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza levan semanas realizando controis sobre o comportamento do humidal tomando os datos de cota, mareas, evolución da barreira dunar ou caudais co obxecto de previr situacións adversas. Os datos recabados nas últimas horas permiten concluír a necesidade da intervención de cara a unha execución controlada das actuacións.

Unha vez que se ten constancia de que se acadou o nivel de alerta, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza pon en marcha un protocolo de actuación coa redacción dun proxecto de apertura tendo en conta os condicionantes meteorolóxicos, hidroxeolóxicos e biolóxicos así como a súa previsible evolución. Posteriormente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza solicita autorización ao organismo competente en materia de costas, comunicando ao Concello a dita solicitude.

Este proxecto e as actuacións de apertura derivadas levaranse a cabo a través de medios propios e instrumentais ou adoptando os procedementos de contratación de emerxencia vixentes na Lei de Contratos do Sector Público.

A Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Demarcación de Costas en Galicia e o Concello de Valdoviño, e de acordo co proxecto redactado, procederá á apertura dunha canle de desaugadoiro que reproduza na medida do posible as condicións naturais de desaugue, tendo en conta varias premisas.

Para o inicio dos traballos de apertura da lagoa tivéronse en conta varias premisas como a identificación e balizamento do camiño de acceso da maquinaria, polo que os vehículos e maquinaria achegaranse á praia polos camiños xa existentes, evitando a circulación sobre sistemas dunares con vexetación.

Tamén se prohibe calquera actividade recreativa, incluída a pesca deportiva, na lagoa e medio mariño da contorna da zona de actuación. Ademais, realizarase un control do uso público para evitar a circulación das persoas e sinalización da zona de actuación conforme ao plan de seguridade e saúde no traballo.

13 de novembro de 2014 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.