“Matanza” será a segunda función dos venres teatrais da Laracha
O ciclo Venres Teatrais que organiza o Concello da Laracha continuará desenvolvéndose esta semana coa segunda das catro funcións que compoñen o programa.
A peza que se ofrecerá este venres na Casa da Cultura a partir das 21:00 horas titúlase Matanza, da compañía Triatreros. Trátase dunha comedia visceral apousentada nun drama existencialista na que se nos presenta a dous porcos que falan, pensan e senten momentos antes de ser acoitelados por un matachín. O espectáculo transcorre nun lugar ficticio, pero que toma como referencia a idiosincrasia galega, o humor e o noso xeito de entender o mundo.
Matanza destaca polo seu humor negro e acedo, pero tamén pola intriga e a violencia que implica unha situación destas características e moi relacionada coa festividade do San Martiño.
A peza teatral está interpretada por Omar Ferrín, Celia González e Tone Martínez baixo a dirección de Beatriz Campos.
Todas as persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha poderán asistir ao espectáculo de xeito gratuíto.











